La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Ramón Villares ficha persoal | Historiador e catedrático emérito da USC

“Delgado Gurriarán non quixo ser un heroe pero axudou a moitos exiliados: foi exemplar”

“Era un home discreto e galeguista, fiel a Castelao ata o final, coherente coa súa vida”

Ramón Villares na USC XOAN ALVAREZ

Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras 1903-Fair Oaks, California, 1987): avogado, poeta, galeguista, exiliado, táboa de salvación para refuxiados do franquismo en México, aliado de Castelao. Home vital. Sen pretensións. Sempre de Valdeorras aínda que acabase vivindo 50 anos fóra da súa terra. A todos eses Florencios adícase este ano o Día das Letras Galegas. E no seu soño mergúllase o historiador Ramón Villares este mércores no coloquio de Primaletras, e tamén na entrevista con este diario.

O exilio causou un maior descoñecemento da obra de Florencio Delgado Gurriarán?

Si, el era un home discreto e con máis relacións políticas que literarias. A súa obra foi recoñecida tardíamente, e o exilio de Galicia en México sempre tivo menos presencia que en Bos Aires (onde existía unha maior comunidade da cultura galega como Dieste ou Seoane). Pero iso non quita a importancia de Delgado Gurriarán, sempre fiel á lingua da súa natal Valdeorras, con eses modismos. Nel temos un militante constante, moi importante nese exilio mexicano ata que se instala en Guadalajara (na antiga provincia de Nueva Galicia) e queda un tanto desconectado. Aínda así, participaría nos dous primeiros números da revista Vieiros.

Que papel xogou nese exilio?

Entrou no Partido Galeguista nos tempos da república, e coa Guerra Civil marchou ao exilio de Portugal e despois a Francia... para regresar á Barcelona republicana, porque el era un republicano convencido que actuou en consecuencia. Alí coincidiría con Castelao e tivo a sorte de saír antes da caída da fronte de Cataluña. Ao volver a Francia cos papeis en regra evitou os campos de internamento e marchou a México no vapor Ipanema. Pero xa antes, axudou á evacuación dos refuxiados de España a través do servizo fundado por Negrín. Marcado pola moderación e a integración, en América continuou acollendo a calquera persoa con problemas. Conectou con moitos grupos de axuda a españois, tanto en Nova York como en Bos Aires. Tivo moita relación epistoral con Rodolfo Prada na capital arxentina para axudar aos galegos, facía contactos para solucionarlles os problemas, recibía fondos para auxiliar aos refuxiados nas súas dificultades. Tiña un perfil silencioso, non se daba importancia. Delgado Gurriarán non quixo ser un heroe pero axudou a moitos exiliados: foi moi exemplar.

Por iso a importancia destas Letras Galegas.

A Real Academia Galega foi sensible ao recoñecemento desta figura no exilio galego en México, onde o noso colectivo era inferior ao catalán pero tiña a xente como Delgado Gurriarán ou os irmáns Mayo.

Valdeorras sempre por diante.

A súa viúva recordaba nunha entrevista que o seu marido falaba sobre todo de Valdeorras, do seu viño, a fala, a familia, nunca esqueceu a Valdeorras nos seus 50 anos en México. Sempre mantivo ese galego, non académico pero popular.

E o seu galeguismo?

Xa cando estudou en Valladolid percibiu a diferencia cultural de Galicia. En Valdeorras actuaría como avogado e líder da cultura local, ata achegarse ao Partido Galeguista. Xa co golpe do 36, iniciou o exilio e sería sempre un home discreto e galeguista, fiel a Castelao ata o final, coherente coa súa vida.

Só regresaría tres veces a Galicia.

Desvinculouse das relacións politicas e o seu líder Castelao morrera hai tempo. Mantivo moita relación cos seus amigos de Valdeorras, cos exiliados retornados do galeguismo. Na última visita foi recibido como académico da RAG e membro honorario do Instituto de Estudos Valdeorreses... e nunca buscou esas honras.

“Tivo un forte espíritu antifranquista e a favor da república, ata escribir versos contra o ditador”

Florencio Delgado Gurriarán seguiu levando a Valdeorras na súa obra, a pesar de vivir durante medio século en México. Valdeorras nunca saiu do seu pensamento, a súa terra foi moi importante na súa obra.

O crítico Miro Villar sitúa tres etapas na súa poesía: os primeiros anos en Valdeorras, os poemas máis combativos e os últimos anos.

Na primeira época, tiña unha poesía máis inxenua para dar saída á súa percepción da xente e a terra. A súa obra combativa é bastante forte, non é precisamente a dun home apoucado... senón dun espíritu forte. Tivo un forte espíritu antifranquista e a favor da república, ata escribir versos contra o dictador. Tamén tivo versos moi mexicanos porque tratou de entender a cultura a onde chegou. Pero eu considero que é máis importante a súa conducta política que a obra literaria, sen desmerecer.

Entre eses poemas tan combativos está Home pequeno, fol de veleno dirixido contra Franco, uns versos non moi frecuentes precisamente nesa época.

Son moi combativos, xa na II República pero tamén na Guerra Civil e na posguerra. Forma parte do seu estilo. Non combate nunha trincheira pero si a nivel intelectual e estético. Claramente combatiu a Franco e ao fascismo, a favor da liberdade e da identidade galegas. Nunca renunciou ao galeguismo, sempre mativo a súa admiración por Castelao.

A súa poesía móvese entre ese combate e a vitalidade, mesmo con erotismo.

El era bastante amigo da xoldra, moitos amigos recordan cando se poñía a cantar e animaba as reunións. Tiña unha gran capacidade para ser divertido. E tamén hai poesías que adica á muller mexicana, eróticas. Ademáis dese contido ideolóxico, desa crítica social, mantivo o intimismo sobre as súas terras e o viño: sobre a identidade local como punto de comunión coa terra.

“De non escapar, acabaría no cárcere ou paseado”

Que acontecementos levan a Delgado Gurriarán a ter que escapar de Galicia?

Era membro do Partido Galeguista e dera mítines en concentracións. Aínda que non tiña delitos de sangue foi sinalado como galeguista, autonomista e republicano, como contrario ás ideas do chamado Alzamento Nacional. Que sorte correría de non escapar? Non se sabe, pero seguramente sería levado ao cárcere, podería acabar paseado (fusilado) nesa xustiza informal do fascismo. Tivo un irmán dirixente da Falanxe, polo que contou con esa rede familiar para esconderse e cruzar a raia ou pasar a fronteira de Portugal. Instalaríase un tempo en Oporto e seguiu un percorrido moi parecido ao de outros fuxidos da represión, como Seoane ou Pita Romero. En Portugal xa estaba o réxime de Salazar que compartía as ideas sublevadas de Franco, pero para Florencio ese país foi o lugar de saída e salvación. El escolleu saír de Galicia e convertirse nun refuxiado, tiña plena conciencia republicana, foi leal ao goberno da II República ata o final. Cando quixo vir a España en 1968, en México aconselláronlle que levase un visado a maiores que daban nunha oficina oficiosa de España nese país. Pero el negouse e quixo entrar na súa terra natal sen o visado da España da época (da España do franquismo).

Leal republicano e leal a Castelao.

En México colaborou co continxente de comunistas galegos, que era moi importante, para facer o Padroado da Cultura Galega ou escribir en revistas. Pero nunca deixou de ser galeguista, sempre moi fiel a Castelao. Débese á súa estadía en Barcelona, onde conectou máis claramente con el. E foi o home de Castelao en México.

Compartir el artículo

stats