La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Florencio Delgado Gurriarán: alegría de vivir

Sensualidade e compromiso político na serie da RAG sobre o escritor ao que se lle adica o Día das Letras Galegas

Tempos novos para Florencio Delgado Gurriarán. | // FAMILIA DELGADO GURRIARÁN

E homes e mulleres lembrarante todos mais, cando te menten, cuspirán con noxo! Fuco, Fuquiño, homiño pequeño,Fuco, Fuquiño,fol de veneno! Contra Franco movíase Florencio Delgado Gurriarán tanto na súa lírica como no compromiso político no exilio. Resistencia ideolóxica e tamén alegría de vivir. Como neste Himno ao viño do poemario Bebedeira, escrito en 1934 cando Delgado Gurriarán non imaxinaba que acabaría escapando dunha morte segura na súa terra: Groria a Deus! Louvanzas a El–Señor, que, encol da probe terra,esta benzón botou do viño das cepeiras! Groria a Deus! Louvanzas a El–Señor!

Cando faltan sete días para o Día das Letras Galegas, adicado ao valdeorrés (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras 1903-Fair Oaks, EEUU 1987), a Real Academia Galega avanza na serie documental Florencio Delgado Gurriarán. A Galicia infinda. O cuarto episodio na web academia.gal e YouTube navega entre “a alegría de vivir, a sensualidade, a poesía antifranquista e a musicalidade do son veracruzano” (polo exilio en México).

Deste xeito, podemos escoitar distintas voces sobre a súa produción literaria. Por exemplo, o propio presidente da RAG, Víctor Freixanes, recorda como “o seu primeiro poemario Bebedeira é un libro da alegría de vivir, da reivindicación e da afirmación da sensualidade da vida, do amor, dos costumes e das tradicións da terra de Valdeorras”.

Tamén o crítico literario e escritor Miro Villar incide en que “Florencio Delgado Gurriarán é un poeta erótico con toda a contundencia da palabra, é algo que empeza el na literatura galega xunto a Carvalho Calero”. Podemos recuperar aquí as sutilezas da carne no Casorio que finaliza así: Houbo baile e foi a millor parexa mozo Merenzao e a Mociña Fresca. A nena Garnacha púxose vermella, porque, o Brencellao fíxolle unha festa.

Miro Villar, autor de Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano, divide en tres etapas a produción poética: poesía de preguerra, poesía de combate “con composicións moi belixerantes e satíricas contra os golpistas”, e a de décadas despois con Galicia infinda como “o seu mellor libro”. Sobre o seu gran compromiso político, que o levou ata o exilio, escoitamos a Xesús Alonso Montero: “El xa fixo poesía política antes do 36, con poesía galeguista e sociolingüística”. Como portavoz dos antifascistas galegos escribiría sobre Franco Home pequeno, fol de veleno con verbas como alacrán con mando ou cobra pezoñenta, que se reproducirían no Cancioneiro da loita galega (1943) que editou o Partido Galeguista en México.

Para os nenos, a RAG ofrece na web a biografía do autor con ilustracións de Blanca Millán e palabras de Ledicia Costas. A escritora recoñece o seu abraio “por unha poesía pegada á terra, con afán de experimentación”. A Real Academia tamén continúa coa Primavera das Letras e as súas fichas para colorear e actividades interactivas. A RAG pronto publicará unha edición galega con anotacións de Ricardo Gurriarán sobre a entrevista de Dolores Pla a Florencio Delgado Gurriarán en 1979.

Compartir el artículo

stats