La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Antón Reixa Cofundador de Rompente, con Manuel M. Romón e Alberto Avendaño

“Galicia é o mellor país do mundo, só as malas persoas non se identifican coa súa terra”

“Nos 80, os de Rompente eramos malditos pero agora estamos en liña coa poesía máis nova”

Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manuel M. Romón: tres tigres para Rompente. | // PUNTO GA / AGOSTIÑO IGLESIAS

A principios dos 80, a xente decente tiña a Rompente baixo o dente. Creadores deste libérrimo colectivo poético, Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño apostaban polo underground atlántico na Galicia dos primeiros tempos de autonomía. O soño durou sete anos (1976-1983). Pero esa luz nunca se apagou. E o Grupo de Comunicación Poética regresou para, xa de paso, tomar Madrid (este venres e o día 18, no Museo Reina Sofía e o Círculo de Bellas Artes). Falamos con Antón Reixa.

Vostede tiña 19 anos cando cofundou Rompente con Romón e Avendaño, e agora 65. O espíritu irreverente de Rompente cobra agora aínda máis forza?

Tócanos pensar que si. Tras 40 anos de separación, o rencontro serviu para publicar o libro Que hostia din os rumorosos? con dúas edicións en galego e agora en castelán coa mesma editorial (Elvira). E volvemos a recitar, que era unha das nosas características xunto con editar libros especialmente coidados que responden a esa filosofía de que a poesía non debe quedar secuestrada nas bibliotecas senón poñerse sobre a escea con recitais poéticos ou performances.

Como auténticos bardos?

Non sei se bardos. Cando o grupo deixou de existir no 83, na poesía galega éramos uns malditos e por iso buscamos refuxo noutras actividades. Corenta anos despois, o panorama poético galego é máis confortable para nós. Recoñezo que nos sentimos máis identificados cos novos poetas, estamos mais en liña con eles e hai certa xustiza poética nese sentido.

Buscaban a polémica ou que espertase a Galicia da época?

Tivemos que vivir os últimos anos do antifranquismo, o grupo formouse xusto un ano despois da morte de Franco. Quedaba unha cultura de contestación política, o ambiente abonado para a poesía social. Pero despois chegaría unha lírica máis de Petrarca e romántica, mentras a nosa proposta era de vangarda e nos consideraban malditos. Cando adoptas unha posición de radicalidade, non buscas a provocación. A provocación está no receptor e non no emisor de contidos. Sería unha mala receta intentar ser provocativo, hai que ser natural. Pero os meus principios estéticos proceden desa época.

Polo que conta, Rompente rematou en 1983 por maldito.

Si, por esa sensación de malditismo e porque atopamosoutras alternativas na televisión ou na música. Alonxámonos do ambiente literario dos primeiros anos 80, moi impostado e cursi. Agora si que nos sentimos plenamente identificados coa poesía galega e co que fai a xente moito máis nova, é unha novidade que nos reconforta xa que sempre fomos moi excéntricos.

Por que fala de “lirismo veneciano” nos primeiros anos da autonomía galega?

Así era esa poesía na Galicia dos 80 baseada nos excesos sentimentais de Petrarca, do amor romántico. A nosa poesía era máis de Dante, dos infernos e purgatorios, máis expresionista e desgarrada.

A proposta de Rompente chega agora a Madrid con textos de Que hostia din os rumorosos?

Explicamos o libro para un Madrid que non ten claro o valor cultural do himno galego, dos poucos que empeza cunha pregunta.. .. o noso e o de EEUU. O noso país é máis de preguntas que de respostas. Humor galego para un poema escuro.

Galicia é un país escuro?

Galicia o mellor país do mundo, é fascinante, só as malas persoas non se identifican co propio, coa súa lingua, a súa terra, a súa xente. Outra cousa é o chavinismo. Pero afortunadamente xa non nos fan como primeira pregunta por que escribimos en galego, porque iso nos preguntaban nos 80.

“Sería un cascarrabias se pensase que hai 40 anos eramos os mellores, sempre hai territorios novos para conquistar”

Na chegada de Rompente a Madrid haberá poesía, música, outras propostas escénicas, referencias á actualidade. Continúa a chamada á insurrección?

A posición dun poeta debe ser de rebeldía, aínda que esa rebeldía proceda da perplexidade como actitude sabia para entender e compartir un mundo raro e difícil. Sería absurdo pensar que na guerra de Ucraína, un bando é malísimo e outro é boísimo. O Goberno de Ucraína e a OTAN tamén actuaron mal, aínda que a reacción de Putin sexa inxustificada. Ao final as consecuencias dunha guerra sempre as padece a poboación civil. Pola nosa posición natural, os poetas debemos descifrar a realidade.

O underground atlántico de Rompente chegou a ser equiparado co movemento Fluxus (John Cale, Yoko Ono). Unha época de gran riqueza cultural en Galicia?

A diversidade é unha das características da cultura galega. A sociedade civil sempre estivo por diante dos poderes e das administracións. Hoxe si que hai moita poesía, moita música e todo con moita diversidade.

Non hai precisamente nostalxia nas súas declaracións.

Como parte implicada non debemos ser xuíces do noso traballo. Recoñezo que foron os mellores anos da miña vida, pero non teño nostalxia do pasado. Sería un cascarrabias se pensara que hai 40 anos eramos os mellores. Hai que autoestimularse cada día para saber que sempre hai territorios novos para conquistar.

Pero vostede foi pioneiro en moitos sentidos. Os Resentidos foi dos primeiros grupos en cantar rock en galego.

Si, ao igual que na poesía, na música cos Resentidos gravamos os nosos discos en galego. Hoxe en día, a produción da música galega é enorme. E iso fai que me sinta cómodo e reconfortado, amosa que mereceu a pena manter certas posicións que entón parecían inasumibles. Hoxe todo o mundo canta en galego, fronte a soidade que tíñamos Os Resentidos naqueles anos 80.

“Benvida sexa a corrección política a prol da igualdade”

Se non hai rebeldía, a vida non ten sentido?

A vida non ten sentido sen un posicionamento, senón seríamos peores. A vida é unha pelexa contra o tempo, hai que ter paixón pola vida e loitar pola igualdade, polo reparto da riqueza: sería a posición máis honesta dos poetas.

Creador dun dos himnos galegos cos Resentidos (Galicia Caníbal), produtor dun icono da Galicia pop como Supermartes e de series taquilleiras como Mareas Vivas, director de O lapis do carpinteiro. Vive a creación como unha pulsión?

Pois quédame por facer máis poesía, é o que lle deu máis contido á miña vida. Nunca parei de escribir e agora estou nunha fase da miña vida onde me moven as palabras... a linguaxe, só quero escribir. Estou moi orgulloso das Mareas Vivas, da Galicia Caníbal, de O lapis do carpinteiro... Estou moi agradecido á vida por esas oportunidades, pero agora camiño sobre todo coa poesía.

E iso que continúa na música colaborando con amigos como Radio Océano, ou sempre en contacto con Siniestro Total.

Hai unha implicación musical porque tamén é poética. E porque todos éramos ao principio uns punkis. Veña, este que sabe escribir pero non sabe tocar instrumentos que cante. Era así.

Que hai de certo desa liberdade creativa dos 80?

O que había neses tempos era tolerancia, non existía a correción política e podían cometerse excesos. Pero benvida sexa a correción política a prol de principios como a igualdade de xénero ou a eliminación da xenofobia. Hai 40 anos as cancións eran máis incorrectas, pero non me parece mal precisamente unha maior corrección en beneficio da igualdade (aínda que ás veces hai correccións que son excesivas).

Compartir el artículo

stats