Nunha catapulta estelar, os membros de Rompente dan un salto no tempo de 40 anos para reunirse coa súa proposta poética de vangarda. E Antón Reixa, Roberto Avendaño e Manuel M. Romón chegan agora a Madrid, para amosar o seu Grupo de Comunicación Poética este venres e o 18 de maio no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS) e no Círculo de Bellas Artes. O desembarco inclúe un libro, recitais poéticos e performances audiovisuais, ademáis de conferencias. Segundo a formación, tanto o Reina Sofía como o Círculo de Bellas Artes “manteñen a vixencia dos plantexamentos artísticos iniciados na década dos 70 polos tres activistas culturais”.

Houbo unha revolución Rompente? Polo menos Reixa, Avendaño e Romón crearon fanzines, organizaron concertos de música contemporánea, dirixiron programas de radio e participaron en manifestacións do sector naval: “Era un novo tipo de poesía con base na vangarda, equiparados a movementos internacionais como o desenvolvido por Fluxus (do que formaron parte artistas como George Maciunas, John Cage, Nam June Paik, Josep Beuys ou Yoko Ono)”.

Permaneceron activos como Rompente entre 1976 e 1983. E como recorda Antón Reixa, “nesa época que coincidía cos primeiros tempos da democracia, optamos por unha actitude literaria que rompía cos xéneros, na búsqueda da fusión de todas as prácticas artísticas”. A cita do Reina Sofía leva o nome Una experiencia del underground atlántico. E no Círculo de Bellas Artes ofrecerase o recital Algo que llevarse a la boca con poemas do libro Que hostia din os rumorosos?