As obras O libro da filla de Inma López Silva, Un señor elegante de Suso de Toro e Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga foron seleccionadas como finalistas do Premio Novela Europea, na modalidade de Novela traducida a outra lingua europea na sección de idioma galego.

Este sábado, o xurado dos galardóns desvelou o nome das novelas finalistas nun acto encadrado nas actividades con motivo dos Días das Letras Galegas do Casino de Santiago.

O establecemento da Rúa do Vilar acolleu a presentación das novelas elixidas para facerse co premio nesta categoría, que está dividida en dúas seccións: por unha banda, aquelas obras finalistas en lingua galega e por outro as novelas publicadas noutros idiomas oficiais do Estado, como o castelán, catalán ou eúscaro. Pugnarán polo premio tres das novelas en lingua galega que cultivaron máis éxito dos últimos tempos. Entre elas está O libro da filla (Galaxia) no que a escritora Inma López Silva parte dunha investigación xornalística sobre a agresión sexual dun pai a unha filla para afondar nas relacións familiares e sociais sen tabús.

A segunda obra é a última do compostelán Suso de Toro. Publicado por Xerais, o santiagués rebusca con Un señor elegante na memoria da súa cidade para recuperar a historia da familia Baltar, unha saga de cirurxiáns destacada polo seu labor profesional e compromiso social.

Virtudes (e misterios) é a novela coa que Xesús Fraga levou o Premio Nacional de Narrativa o pasado ano. A través da súa avoa Virtudes, reconstrúe a emigración galega desde os ollos de quen se vai, quen queda e os que se moven entre os dous mundos.