O concepto “lugar de memoria” que aquí empregamos débese a un proxecto historiográfico plural destinado a explorar os símbolos da identidade nacional francesa publicado entre 1984-1992 e dirixido por Pierre Nora. Este concibe a memoria colectiva como a lembranza do pasado que se constrúe socialmente desde o presente, algo diferente da historia entendida como saber que se ocupa do estudo dos feitos do pasado. Nora, en efecto, define como “lugar de memoria” toda unidade significativa, de orde material ou ideal, que a vontade dos homes transforma nun elemento simbólico do patrimonio da memoria dunha comunidade. Interésanos destacar para os nosos obxectivos que esta concepción é o tipo de memoria na que se refuxian as minorías para defenderse da invisibilidade a que son sometidas pola historia oficial e do poder. Son como unha especie de cristalizacións da memoria que seguen deitando luz e ofrecendo a súa testemuña despois de pasado moito tempo.

Pois ben, os barcos do exilio, física e materialmente desaparecidos, seguen a ofrecer a testemuña ética e moral das xentes que fixeron aquelas travesías, derrotados pero cheos de esperanza. Transportaban unha mercancía inmaterial moi valiosa, os valores republicanos do pobo. Mentres navegaban rumbo a Chile, México ou Bos Aires recoñecíanse como representantes dun modelo de sociedade que defenderon co seu traballo inicialmente e coas armas cando foron brutalmente agredidos posteriormente. Esta circunstancia significaba tamén a gran responsabilidade que como albaceas da vontade popular e democrática estaban asumindo.

O ‘Ipanema’, en porto. La Opinión

O ‘Ipanema’ e Florencio Delgado Gurriarán

Cerca de novecentas persoas chegaron á estación de Pauillac (Aquitania, Francia) procedentes de Perpignan (Pirineos Orientais) en dous trens que tardaron en recorrer os aproximadamente 500 quilómetros que as separan máis de vinte horas. Nun dos trens viaxaban mulleres e nenos e noutro homes. Procedían maioritariamente dos campos de concentración de Saint-Cyprien e Argelès coa esperanza de embarcar nun barco, de nome Ipanema, rumbo a México. Desde os primeiros días de febreiro de 1939, que cruzaran a fronteira dos Pirineos, fuxindo do exército e da represión franquistas, viviron humillacións, sentiron a fame e o medo á intemperie nun inverno especialmente duro. Durante case seis meses terán como residencia varios quilómetros de praia, sen escolas, sen rúas, sen hospitais, sen luz, sen esperanza. Grazas ao traballo de Fernando Gamboa, secretario do embaixador de México en París, Narciso Bassols, e encargado de executar a política de asilo do presidente Lázaro Cárdenas, o día 12 de xuño, despois de horas de espera e de dúbidas, están a bordo do Ipanema. Fora este barco construído en 1922 para unha casa armadora de Marsella co obxectivo de dedicalo ao próspero tráfico de emigrantes a América. Con 110 metros de eslora por 14 de manga e 7 de puntal tiña capacidade para 450 pasaxeiros e cunha velocidade de cruceiro de 11 nós. Para poder duplicar os pasaxeiros, a maior parte do espazo útil do barco, incluídas naturalmente as catro bodegas, estaba destinado a literas. A falta de ventilación e luz provocou que a vida diaria durante a travesía transcorrese na cuberta do barco, que tamén servía de comedor.

Embarcaron en total 994 persoas das que 72 eran naturais de Galicia e sete declaran ser militantes do Partido Galeguista. Entre estas non está Delgado Gurriarán, que declara non ter partido e ser militante do sindicato UGT probablemente coa intención de entrar no cupo reservado a socialistas, que organizaban a viaxe a través do SERE. O cargo que declara ter desempeñado no Estado Maior Central probablemente explique a súa saída de España con pasaporte regulamentario evitando o paso polos fatídicos campos de concentración. Declara residir en París (18 Rue des Dames) antes da súa chegada ao lugar de embarque.

Os pasaxeiros no seu conxunto representaban as estruturas dos partidos políticos que integraban a Fronte Popular. Sabemos polo listado de embarque que había un 33% de socialistas, un 38% de comunistas, 24% de confederados e 5% sen partido. O dato pintoresco é que a tripulación estaba composta de oficiais franceses e subalternos indochinos aos que ninguén entendía e que protagonizaron anécdotas dabondo durante a longa travesía.

O poeta galego Florencio Delgado Gurriarán e outros refuxiados políticos no barco, rumbo ao exilio en México. RAG

‘Ipanema’, diario de a bordo

Estes e outros moitos datos coñecémolos non polo diario de a bordo de navegación ou caderno de bitácora onde se anotan rumbo e demais características técnicas da navegación. Desde o primeiro día do embarque, os partidos e sindicatos constitúen comités de organización e deseguida será a publicación dun xornal algo prioritario para poder

coordinar as distintas actividades a bordo. E entre os colaboradores e redactores do diario do Ipanema, figuran os galegos Manuel D. Benavides, natural de Redondela, Ramón Cabanillas, fillo do poeta de Cambados, e Eladio Fernández, nacido na Mezquita (Ourense). Tamén, como delegados sindicais e políticos encargados dos comunicados e orde imprescibles a bordo, están Pedro Longueira, (natural de Ferrol afiliado ao PSOE-UGT) e José Platas, da Coruña (CNT).

Son un total de 26 entregas que nos permiten seguir o estado de ánimo dos pasaxeiros e todas as vicisitudes da viaxe. Por exemplo, polas reiteradas e constantes chamadas que fai o diario para que non se fume máis que na cuberta, intuímos que era habitual facelo nas bodegas e literas durante a noite, co risco evidente dun incendio.

Ficha de Florencio Delgado Gurriarán no listado de pasaxeiros do 'Ipanema'. LOC

Protagonizarán os pasaxeiros galegos un episodio emotivo e singular, que recolle o número 1 do xornal de 14 de xuño, cando divisan o perfil das costas de Galicia antes de adentrarse en altamar rumbo a América. Xúntanse na cuberta e lanzan ao mar unha mensaxe nunha botella co seguinte texto dirixido aos seus compatriotas: “Á vista de Finisterre, recibide pobo galego, o saúdo garimoso dos que niste intre dooroso van cara o exilio. Non perdades esperanza, mantede o esprito ergueito que non tardará en cair o treidor que perante tres anos encheu de mortos Galiza e de loito os seus fogares. Viva Galiza Ceibe. Viva Repúbrica. Abaixo Franco”. Remataron cantando o himno galego. Foi un acto similar ao que se deu no Sinaia o 26 de maio, que se despide de España, á altura de Xibraltar, cunhas palabras, recollidas no número dous do boletín, do máis veterano dos exiliados, D. Antonio Zozaya, amigo de Machado, que cumpriría 80 anos a bordo.No número 5, correspondente ao 18 de xuño, ocorre un accidente que vai retrasar considerablemente a chegada do barco ao seu destino. Á tardiña deste mesmo día escoitouse un forte golpe no casco e deseguida comezou a tremar a estrutura do Ipanema. A crónica do accidente, recollida no número 25, non perde ocasión de feminizar o medo: “...alarma, muy especialmente entre la representación del sexo débil”.

A hélice perdera parte dunha pala ao chocar con algo que flotaba. O barco seguiu viaxe ranqueante a menos de nove nós e puxo rumbo a Martinica para ser reparado. Despois de catro días, reparada a hélice, cando saía cruzouse na traxectoria de amerizaxe dun hidroavión e para evitar a colisión un golpe de timón brusco provocou que se metese nun banco de area. Necesitou un tirón dun barco e coa axuda da marea, puxo o Ipanema rumbo a Veracruz despois de entrar en Santo Tomás para tomar combustible.

Antes de chegar, como apuntando un dato de esperanza, nace un neno a bordo, no número 25 de 7 de xullo faise unha suscrición voluntaria para poder facer un agasallo a un neno nacido a bordo esa mesma madrugada. O nome elexido para o recén nacido non foi outro que Lázaro, en homenaxe ao presidente de México que lles brindou inestimable axuda. En definitiva os 26 números do xornal, coas súas diferentes seccións, incluídas as noticias sobre os campionatos de xadrez, concertos do coro creado a bordo polos cataláns etc. insisten na unidade do pobo español, na súa condición de refuxiados políticos que comporta unha maior responsabilidade que a dos emigrantes e, sen perder a fe nos destinos do pobo español, agradecemento ao pobo mexicano. O resto son problemas da vida a bordo do barco.

Páxina do diario do 'Ipanema'.

Páxina do diario do 'Ipanema'. La Opinión

Coda: Delgado Gurriarán en México

Non resulta doada a valoración de calquera personaxe que, como o caso de Florencio Delgado Gurriarán, é presentado á sociedade coa envoltura de papel de regalo do Día das Letras Galegas. No clima celebratorio no que se desenvolve a efeméride todo toma un certo perfil hiperbólico de difícil control. Cando lemos un libro do homenaxeado temos sempre a sensación de que estamos lendo un gran libro. Por este motivo son moi de admirar, e de gran utilidade, os traballos dos profesores Xosé R. Pena e Miro Villar.

A recepción da obra de Delgado Gurriarán en Galicia quedou mediatizada, por unha parte, polos xuízos de Carballo Calero e Otero Pedrayo, que o asociaron sempre ao paisaxismo animista na órbita de Amado Carballo. Obviamente todos os integrantes desa xeración, poetas mozos tanto pola idade como pola perplexidade dos seus descubrimentos, sentíanse a gusto dialogando coas mesmas lecturas e compartindo entusiasmo polo soño que agromaba debaixo do proxecto das Irmandades e do Partido Galeguista. Neste contexto o paisaxismo, tan diverso como poetas o cultivan, queda trascendido para acadar unha lectura ética e política, moi visible en Bebedeira. Por outra parte quedou a poesía de Delgado Gurriarán profundamente condicionada pola súa condición de exiliado, pola anomalía do desterro.

A concepción dos exilios (a forma de sentirse exiliado) formulada por Deleuze parte dunha perspectiva denominada desterritorialización. Mediante esta liña de fuxida logra o artista adentrarse nas paisaxes da terra de acollida comezando un diálogo coa nova realidade.

Recordar é volver ao territorio do que fomos expulsados. Pero para non quedar sen lugar no mundo, para non ser devorado pola historia, necesita o exiliado habitar outros espazos e outros territorios que non todos os exiliados asumen.

Na poesía mexicana de Gurriarán, móstrase como un creador racional que sempre buscou o diálogo coa nova realidade nun intento consolador de desterritorialización, non permitindo que lle arrebatasen a razón, a liberdade nin a palabra na liña plutarquea que propón Claudio Guillén. O mesmo equilibrio que inspirou toda a súa acción política de equilibrio e mesura sen abandonar o perfil galeguista de fidelidade ao idioma e aos seus. Nesta liña xa o responsable da edición da súa obra poética Xosé R. Pena cita como expresivo o poema Nomes onde se mostran na primeira parte do mesmo doce topónimos mexicanos; na segunda parte, xustapostos, outros tantos topónimos galegos. Probablemente sexa este poema de estrutura sinxela o que mellor exprese a poética mexicana do autor: dúas realidades cantando mediante os seus nomes da terra, un xeito moi persoal de sentirse exiliado. Probablemente foi esta unha aspiración que deu lugar a outros moitos poemas onde a nostalxia rompe o equilibrio buscado.

Para aquilatar a súa traxectoria política coido que é realmente significativa a súa ausencia do Congreso da Emigración Galega de 1956, celebrado en Bos Aires, nunca estudado na clave da tensión e da encrucillada na que se celebrou motivado polas correntes que concorren enfrontadas: en primeiro lugar galeguismo do interior/Consello de Galiza; en segundo lugar e como proxección do anterior, mundo societario (emigración)/exilio e en terceiro lugar o carácter anticomunista dun sector importante do galeguismo e que Delgado Gurriarán compartía. Así como a capital política do exilio galeguista era Bos Aires, onde residía Castelao, o foco político galego en México era o Partido Comunista, reivindicado xa como PC de Galicia por Luís Soto. Foron dous polos políticos irreconciliables e Gurriarán, espíritu equilibrado, viviu estas tensións con desacougo e preocupación.

Tan significativa como a ausencia no devandito congreso será a deserción dos últimos números de Vieiros (1959-1968) encargada de integrar todas as sensibilidades con reproches ás exclusións que practicaba Galicia Emigrante.