La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Delgado Gurriarán, en loita

Cinco poemas de combate para mergullarse no compromiso político do escritor

Florencio Delgado con outro exiliado, Inocencio Ferrer

¡Galicia é infinda! Nosa Galicia é máis que toda a terra. Non é xa o cativo currunchiño que din escolas vellas. Cómprenos desbotar antigos erros fillos de mente estreita: ¡Galicia é infinda! Nun dos poemas máis coñecidos de Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras 1903- Fair Oaks, California 1987) amósase o auténtico espíritu da súa terra: expansión, aventura, movemento ata os confíns do mundo... Unha diáspora de fame, pulsión interna e persecución política. No último caso moveuse o escritor homenaxeado este martes polo Día das Letras Galegas. O seu carácter combativo, que derivou na súa militancia no Partido Galeguista e no seu republicanismo de gran valentía, aparece nestes cinco poemas.

Carné do Socors Roig de Catalunya de Florencio Delgado. // CONSELLO / FAMILIA DELGADO

Ía a misa de doce (1938). Ía a misa de doce... Cando chegou a guerra quixo salva-la Fe, e, bon fillo da Igrexa, meteuse requeté ou falanxista e foi matar labregos pola aldea. A atrocidade do bando nacional na Guerra Civil, fusión entre puritanismo de día e paseos con sangue pola noite.

Ramón Cabanillas fillo, Florencio, Exilio Rodríguez. | // CONSELLO E FAMILIA

Home pequeño, fol de veleno (1938 ). Golpe directo contra Franco, cando aínda se libraba a guerra. Poucos versos hai na época como estes: E homes e mulleres lembrarante todos mais, cando te menten, cuspirán con noxo!

Documentación do Florencio republicano en Cataluña.

Morte de Alexandre Bóveda (1943). Os nazis caían en Stalingrado, e o Florencio exiliado galego en México albergaba certas esperanzas mentras lembraba aos seus amigos fusilados. Irmán Alexandre Bóveda, abrente da nosa Terra; déronche aleivosa morte, Galiza ficou maltreita.

Florencio e Celia en Valdeorras. patricia hermida

Hai Sede na Nova Galicia (1963): Morriña sen fin no exilio: Sede en min nunca matada, sede en min xamais dormida, da verde Terra arelada, a das choivas benquerida.

Florencio cos seus fillos. patricia hermida

Galicia infinda (1963). Polo mundo espallados van os netos dos celtas. Dende a austral Buenos Aires á parroquia labrega: do New-York boligante ás indianas ribeiras. Ou o eterno galego errante.

A familia de Florencio no Barco en 1931. patricia hermida

Consello da Cultura Galega e Real Academia

Os actos centrais do Día das Letras Galegas celebraranse este martes en Córgomo, vila natal de Florencio Delgado Gurriarán. Alí terá lugar o pleno da Real Academia Galega, ademáis doutros festexos nos que participarán as tres fillas e os netos do escritor. Pero xa este luns, o Consello da Cultura Galega ofrece o seu recoñecemento co Concerto das Letras Galegas. O grupo Zoar encargarase da duodécima edición (Teatro Lauro Olmo, O Barco), que ademáis de centrarse en Gurriarán, “porá o foco no colectivo que formou parte do exilio mexicano”. O programa está formado por pezas ao homenaxeado e creacións musicais ligadas a esa diáspora mexicana, con obras de Adolfo Salazar e Rodolfo Halffter, ou o galego Jesús Bal y Gay. Engadiranse outras pezas da cultura local como Aureana do Sil de Federic Mompou con texto de Cabanillas. E principalmente, estrearase a Diásporas composta por Carme Rodríguez a partir de versos do poemario Galicia infinda do propio Delgado Gurriarán.

Compartir el artículo

stats