La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

A última viaxe de Florencio

Córgomo acollerá hoxe martes o acto central do Día das Letras Galegas dedicado a Delgado Gurriarán, coa presenza da súa familia, que chegou desde México e Estados Unidos

Familia de Florencio Delgado, coas tres fillas no medio, en Córgomo

Córgomo era unha festa. En 1931, cando un pletórico Florencio Delgado Gurriarán convertía a súa vila natal de Vilamartín de Valdeorras nunha explosión cultural ás portas da II República. E tamén esta fin de semana, cando as súas fillas Maruxa, Carmiña e Celia regresaban para situar ao seu pai no máis alto do podio da nosa literatura. O Día das Letras Galegas homenaxea hoxe ao autor da Galicia infinda como símbolo do galego errante: militante do Partido Galeguista, exiliado primeiro en Portugal, despois en Francia, finalmente en México. Máximo representante dos escritores galegos refuxiados nese país americano, pero tamén recoñecido pola riqueza da súa lingua de Valdeorras. E pola súa vitalidade, tanto no combate como na festa.

O bo viño escorrenta medos neste mural de Córgomo. | // LETRAS DE FLORENCIO patricia hermida

A última viaxe de Florencio comenzaba a tarde do sábado coas súas fillas percorrendo as mesmas rúas que viron medrar ao seu pai, xunto co neto Roberto, a neta política Sara e outros parentes chegados de México e EEUU. Especial mención merecen para lograr o Día das Letras Galegas tanto Ricardo Gurriarán, sobriño e biógrafo do homenaxeado, como As Letras de Florencio (formada por distintos colectivos, concellos da zona e a Deputación de Ourense). Xa esta fin de semana participaron nun serán poético, en recordo dun home marcado por unha liberdade que lle custou o exilio.

Festiva imaxe de Florencio, no medio, con Ramón Cabanillas

Córgomo, 1903-Fair Oaks, 1987. O camiño entre estas dúas datas implica unha Guerra Civil e dúas mundiais. Delgado Gurriarán militaría na Galicia disidente con poemas contra Franco e a Falanxe, aínda desde a súa terra en 1938. Xa en México, aglutinaría aos galegos errantes en torno a publicacións colectivas como Vieiros. Como el dixo no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega en 1981, traballou naquel país para “escorrentar as tebras culturais”. Xa na madurez versaría sobre a identidade do pobo galego: sempre nostálxico, pero sempre en movemento.

Florencio Delgado Gurriarán, en 1981, en Sargadelos. | // FAMILIA DELGADO

Este martes ás 12.30, a Real Academia Galega (cos seus membros chegados nun bus co nome do poeta) oficiará o pleno extraordinario na Aira dos Bolos de Córgomo. Os discursos serán de Ramón Villares, Rosario Álvarez e Xesús Alonso Montero Ríos. Posteriormente, familiares, veciños e siaeiros de Delgado Gurriarán participarán nunha Florenciada ou gran celebración.

Mil lecturas polas rúas da Coruña

Tamén A Coruña dedicará unha chea de actos á celebración do Día das Letras Galegas, co central na praza de María Pita a través dunha lectura pública de textos de Florencio Delgado Gurriarán. O primeiro correrá a cargo da alcaldesa Inés Rey ao mediodía, despois dunha actuación do grupo musical da asociación Xacarandaina. Á mesma hora na rúa Barcelona, actuará a asociación cultural Pandereteiras sen Fronteiras; e na praza de Jaspe Deza a asociación Maghua. Ás 12.30 horas, a agrupación folclórica Aturuxo ofrecerá un espectáculo de rúa desde os xardíns de Méndez Núñez á praza de Vigo. E pola tarde ás 18.00, haberá actuacións de Os Gaiteiriños (A Gaiteira) e Eidos (de María Pita á praza de Lugo). Media hora despois Son d’aquí irán do Campo de Marte ao Campo da Leña. A xornada pecharase ás 20 horas con Cántigas da Terra. Tamén este martes, Santiago acollerá a xa tradicional Manifestación do Día das Letras 2022 que finalizará na praza da Quintana, cun acto conducido polo artista coruñés Xurxo Souto.

Compartir el artículo

stats