La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Un ‘locus amoenus’ chamado Mariñán

O dúo Caamaño&Ameixeiras é o primeiro en probar as estadías desta residencia artística a cargo da Deputación da Coruña

O deputado Xurxo Couto co dúo Caamaño&Ameixeiras, no Pazo de Mariñán. | // DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Os Rolling Stones gravaron o seu Exile on Main St. nunha mansión alugada no sur de Francia. E agora a Deputación da Coruña, salvando as distancias lóxicamente, ofrece o pazo de Mariñán para as residencias artísticas do panorama musical provincial. De feito, desde o pasado luns celébrase a primeira estadía destas así chamadas Residencias Artísticas Mariñán, co dúo Caamaño&Ameixeiras.

Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras utilizan este espazo ao longo desta semana “para investigar os elementos tradicionais “nos que basearán o seu próximo traballo discográfico. Teñen sesións de formación complementarias, e contan coa colaboración da deseñadora lucense e gañadora do premio Mercedes-Benz Fashion Talent, Melania Freire, para crear un vestiario e escenografía singularizadas e acordes ao concepto do disco.

O deputado Xurxo Couto encargouse de visitalas, “xa que desde a área de Cultura defendemos un modelo de política que ten moi en conta o apoio á creación e aos procesos creativos, e non só ao resultuado final” . A proposta de Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras traballa coa tradición galega e os seus arquivos sonoros, ata chegar a unha linguaxe contemporánea.

Estas Residencias Artísticas Mariñán facilitan formación específica para a distribución do proxecto. Xa este martes, Día das Letras Galegas, realizouse unha sesión con Carlos Barral (responsable da axencia asturiana El Cohete, e manager de Rodrigo Cuevas). E este xoves o dúo estará con Eugenio González (La Mar de Músicas). A vindeira semana pasará por Mariñán o artista Berto.

Compartir el artículo

stats