O sistema educativo galego sitúase, un ano máis, como o máis inclusivo de España. Segundo os últimos datos da estatística de alumnado con necesidade específica de apoio educativo sobre o curso 2020-2021, publicadas polo Ministerio de Educación y FP, o 93,6% do alumnado galego con necesidades especiais está escolarizado en centros ordinarios. Isto supón que 16.695 estudantes que precisan apoio específico estudan en centros que non son de Educación Especial, o 72% deles en colexios e institutos públicos. Esta porcentaxe sitúa ao noso ensino moi por riba da media nacional, do 82,9%, e mesmo case 4 puntos por riba da seguinte comunidade, Navarra.

O sistema educativo galego conta cunha rede de preto de 4.000 profesionais para a atención á diversidade en centros públicos, composta por especialistas en Audición e Linguaxe, Pedagoxía Terapéutica, coidadores e demais profesionais específicos. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade atende a diversidade do alumnado a través de diferentes iniciativas como os contratos-programa, que contan cunha liña específica de fomento da inclusión nos centros educativos.

Galicia conta con diversas ferramentas para a prevención, detección precoz e tratamento da diversidade. O Goberno galego está a preparar a futura Estratexia de Inclusión Educativa co fin de avanzar na consolidación dunha escola plenamente inclusiva na que se dea resposta ás necesidades e ás capacidades do alumnado.