O quinto concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal logrou a participación de máis de 900 persoas. Agora os xurados encargaranse de analizar os traballos para premiar a nove historias de ata 200 palabras, escritas por autoras e autores de todas as idades. Os nomes dos gañadores coñeceranse nos vindeiros días, e os seus contos serán recollidos nunha edición dixital ademáis de publicarse na revista Luzes.

Dentro da categoría de adultos, presentáronse preto de 500 microrrelatos. Nesta sección, o xurado estará composto polo presidente da Real Academia Galega, o escritor e xornalista Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal, e tamén académico, Manuel González González, catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela (USC); a académica correspondente e profesora de Literatura Comparada da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez; o director xeral de PuntoGal, xornalista e profesor da USC, Darío Janeiro; e a xornalista Marta Otero Mayán, de La Opinión A Coruña e membro do comité de redacción de Luzes.

Na categoría infantil (ata 11 anos) participan preto de 300 historias, e na xuvenil (de 12 a 17 anos) hai 200 pequenos relatos. O seu xurado está composto pola escritora e académica Fina Casalderrey, membro da comisión executiva da RAG; a enxeñeira de telecomunicacións e profesora da Universidade de Vigo, Edita de Lorenzo, secretaria da xunta directiva de PuntoGal; o escritor, crítico literario e profesor Ramón Nicolás, membro correspondente da RAG; a filóloga Cristina Ríos, membro do equipo de PuntoGal; e Santiago Romero, membro do comité de redacción de Luzes.