O maxín e coñecementos dos nenos non teñen límite e o concurso de LA OPINIÓN DE A CORUÑA e Faro de Vigo Escola en Camiño —en colaboración coa Consellería de Cultura e o Xacobeo— é unha mostra. Entre os distintos proxectos presentados, destacaron iniciativas de robótica, pictogramas, realización de vídeos e presentacións dixitais en internet coa inclusión mesmo de códigos QR.

No caso do Possumus, en primeiro e cuarto da ESO, participaron facendo unha guía do Camiño de Santiago desde Tui ata Compostela. “Escollemos as paradas que máis nos interesaban e a partir de aí buscaron información de todo tipo desde fauna, flora, autores coñecidos que naceran neses sitios... Digamos que elaboramos unha guía personalizada en PDF con enlaces interactivos e outra en versión dixital”, explicaba onte Rocío Paramá, xefa de estudos.

Outro dos traballos consistiu en rastrexar as portadas dos 25 de xullo ao longo dos anos para ir vendo a evolución. “A máis antiga que atopamos era de 1876 ata a do ano pasado para ver como trataban a información nesa xornada. Sorprendéronse non só coas ilustracións das portadas senón con como foi evoluíndo o xornal dende os inicios cando parecía que as letras estaban apelotanadas ata os modelos actuais do xornal”, engade. De aí, xurdiu a idea de realizar “un noticiario dixital en vídeo con esta información como se fora un telexornal ademais dunha infografía sobre a Raíña Lupa”, agregou a docente.

Os Einstein do Xacobeo mar mato

Xunto a ela atopábanse sentadas agardando o comezo do acto tres alumnas de primeiro da ESO: Dubra Covelo; Alba Prieto e Julia Torrón. Dubra indicou que lle pareceu “moi interesante facer este traballo sobre o Camiño porque aprendes cousas novas, como a comida tradicional de alí, escritores e pintores”.

Pola súa parte, Alba Prieto recoñeceu que aínda non ten feito a ruta xacobea pero que lle entraron ganas de peregrinar a raíz deste traballo; mentres que Julia Torrón destacou o descubrimento de esculturas imponentes ao longo do Camiño portugués entre as que destacou as esculturas que foi atopando nas distintas etapas” para recoñecer que o traballo en equipo o levaron ben e que por suposto lle encantaría facer o Camiño a Compostela.

A poucas fileiras delas, atopábanse alumnos do Compañía de María de Cangas. “Somos un colexio relixioso e pensamos que polo Xacobeo había que aproveitar para que o alumnado coñecera cousas máis en profundidade relacionadas co Camiño e Santiago”, indicou o profesor Bruno Freaza, para matizar a directora, Clara Piñeiro: “Nós xa tiñamos previsto facer un traballo interdisciplinar sobre esta temática”.

No caso de Infantil, a iniciativa coa que concurriron a este certame consistiu nun minicamiño de Santiago que rexistraron en formato vídeo. “Con xogos e obstáculos ían facendo as distintas rutas ata chegar á Catedral. En primeiro de Primaria fixeron un libro dixital sobre a Catedral, quen era Santiago, que rutas hai; mentres que en terceiro fixeron un mapa do Camiño con diferentes códigos QR cos que podías chegar a unha web con aspectos importantes sobre a vía xacobea como onde durmir, que roupa levar”, explicaba o profesor Bruno Freaza.

Outra aportación curiosa foi a desenvolvida polo alumnado de quinto que realizou varias enquisas a familiares e coñecidos para calibrar os seus coñecementos sobre o Camiño e despois tratar os datos na clase de Matemáticas botando man da estatística para sacaren conclusións e realizar gráficos.

Pero sen dúbida, un dos traballos máis queridos foi o de Educación Especial que consistiu en facer un conto con pictogramas “con debuxos que elaboraron os alumnos que adaptamos nós aos pictogramos para que sexa accesible. Está en vídeo e esperamos colgalo nas redes pronto na páxina do cole. E agora todos os nenos poden consultar estes traballos na biblioteca. É moi enriquecedor”, explicou a profesora da área, María Martínez.

Os Einstein do Xacobeo mar mato

Un dos alumnos participantes foi Hugo Rial, que realizou enquisas sobre o Camiño. “Gustoume participar neste traballo por facer algo cos amigos, ademais de facer os gráficos”, indicou.

Outro centro participante foi o CEIP García Barbón de Vigo. O seu director, Benito Gil, explicou: “Fixemos unha presentación a través dunha aplicación no que recollimos os traballos de investigación do alumnado. Tocamos facetas como a xeografía, os mosteiros, relacionamos o tema coa paz. Foi un proxecto aberto a todo o centro e traballamos cuarto e quinto que traballaron cos robots do centro. Fixeron un mapa de España coas rutas xacobeas e programaron os robots para que fixeran os percorridos”.

Para Gil, “con estes traballos vimos o Camiño de Santiago dunha maneira distinta. Descubriron fauna, flora, monumentos, traballando as matemáticas ao calcular distancias e pasalo a distintas unidades. Paréceme moi ben que se realicen estas iniciativas. Que haxa un produto final dentro do xornal failles moita ilusión aos nenos”.

Un deses pequenos era Dani Arquero, de quinto, quen indicou: “Investigamos o camiño marítimo a Santiago desde Muros e Noia. O que máis me gustou foi traballar todos xuntos na clase. Aprendín moitas cousas, non sabía que había un camiño por mar a Compostela. Gustariame que houbera máis concursos como este porque é divertidísimo”.

Finalmente, Beatriz Fraga, a coordinadora do CEIP García Barbón recalcou como relacionaron o día da paz coa ruta marítima de Noia a Compostela e con Gandhi. Tamén fixo alusión a outro traballo a partir do libro Endrina e o segredo dos peregrinos partindo dos Pirineos para traballar o Códice Calixtino e outros recursos culturais, de xeografía e matemáticas incluíndo un xogo da oca sobre a ruta xacobea.