“Cantos de vós fixestes o Camiño de Santiago? Aínda que sexa unha etapa... Pois anímovos a facelo porque é unha experiencia única. No Camiño apréndense moitos valores: compañeirismo, solidariedade, coidado do medio ambiente... Eu fíxeno moitas veces”. Así se dirixiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a centos de escolares congregados onte na Estación Marítima de Vigo para recibir os premios da Primeira Edición do Proxecto Escola en Camiño. Cincocentos alumnos e alumnas de máis de vinte centros escolares participaron nesta primeira entrega de galardóns por traballos elaborados durante o curso sobre a Ruta Xacobea: dende ilustracións do Pórtico da Gloria, ata percorridos gastronómicos por cada un dos camiños que levan ata Compostela, podcast, infografías sobre paisaxes e distintos momentos do Camiño ou entrevistas realizadas polo propio alumnado a persoas que, con moito esforzo, foron quen de rematar na Catedral de Santiago a súa especial peregrinación.

Os escolares “gradúanse” no Camiño de Santiago selina otero

O presidente da Xunta felicitou o alumnado polos traballos realizados e animou aos non premiados a traballar para conseguir unha distinción o próximo ano. Tamén quixo agradecer a LA OPINIÓN A CORUÑA e Faro de Vigo a posta en marcha desta iniciativa, así como a docentes e familias por contribuír á elaboración dos traballos dos pequenos/as. Moitos dos asistentes ao acto de onte aproveitaron para sacar unha foto co recentemente nomeado presidente do Goberno galego. El mesmo se definiu ante os escolares como un apaixonado do Camiño de Santiago, de feito son moitas as fotografías que garda facendo o Camiño en distintas etapas da súa vida. Tamén practica ‘running’ e bici, como ten contado nalgunha ocasión falando de hábitos saudables antes, como vicepresidente, e agora como presidente.

Os escolares “gradúanse” no Camiño de Santiago selina otero

“Escola en Camiño” é un proxecto dos xornais LA OPINIÓN A CORUÑA e Faro de Vigo colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia e o Xacobeo dirixido aos centros educativos da comunidade galega para divulgar entre as xeracións máis novas a dimensión cultural, social, económica e humanística do Camiño de Santiago, así como a súa universalidade. Docentes e alumnado dos distintos centros participantes recolleron onte un trofeo, símbolo de recompensa polo traballo feito. Participaron na entrega, ademais do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, o subdirector xeral de Prensa Ibérica en Galicia, grupo ao que pertencen os dos xornais organizadores do certame, Juan Carlos Da Silva; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña; Marta Fernández-Tapias, delegada da Xunta en Vigo; o xerente de LA OPINIÓN e Faro de Vigo, Pedro Costa; o xefe territorial da Consellería de Educación en Pontevedra, César Pérez; a directora do CFR de Vigo, Consuelo Rivera, e a directora do IES Valadares, Eva López, nun acto presentado por Bruno Rodríguez, director de Tecnoloxía da Información de LA OPINIÓN A CORUÑA e Faro de Vigo.

“Ponte de conexión”

Rueda afirmou na gala de premios que cada día chegan a Santiago 2.000 peregrinos desde distintos puntos de Galicia, de España e de Europa. “Dende Portugal, Alemaña, Francia, Inglaterra, Estados Unidos, México, Arxentina, Xapón...”, enumerou o presidente, que lembrou o papel clave do Camiño na construción de Europa. “Dende a Idade Media, por iso hai que coidalo. Vós sodes o futuro de Galicia e do Camiño. Espero que teñamos moitos anos para construír o Camiño e construír Galicia entre todos”, apuntou Rueda.

Colexios e traballos premiados por categorías:

Fotografía

Tres premios nesta categoría: “Ponte nos meus zapatos” do CPR Plurilingüe (Plur.) Niño Jesús de Praga; “Neve no Camiño”, do CPR Plur. Barreiro e Premio especial á mellor serie de fotografías tamén para o CPR Plur. Barreiro.

Ilustración

Tres premios nesta categoría. “O Pórtico da Gloria”, do CPR Plur. El Castro; “My Own Path”, do CPR Plur. Virxe Milagrosa e “Os Camiños de Santiago”, do CPR Plur. Apóstol Santiago.

Infografía

Tres premios nesta categoría. “Os pequenos percorren o Camiño”, do CEIP Plur. Paraixal; “As estruturas góticas e románicas”, do CPR Plur. Padre Somascos e “O peregrino, antes e agora”, tamén do CPR Plur. Padre Somascos.

Categoría Especial “O outro Camiño”

Dous premios nesta categoría. “Descubrindo o Camiño”, do CPR Plur. Divino Salvador e “Os outros aspectos do Camiño”, do CPR Plur. Vigo.

Vídeo

Catro premios nesta categoría. “Camiñamos Xuntos”, do CEIP San Roque; “En Camiño cara Santiago”, do CPR Plur. Compañía de María de Cangas; “Aventura no Camiño”, do CPR Plur. Niño Jesús de Praga e “A Mochila do Peregrino”, do CPR Plur. Padre Somascos-Fundación Educere.

Entrevista

Catro premios nesta categoría. Entrevista a Nuria López, do CPR Plur. Niño Jesús de Praga; Entrevista a Javier Pitillas, do CPR Plur. El Castro; “Lúa, a cadela peregrina”, do CEIP San Salvador e “Os esquecidos do Camiño”, do CEIP A Carballeira.

Reportaxe

Dous premios nesta categoría. “A Viaxe de Michel”, do CPR Plur. San Miguel 2 e “Peregrinación con programación”, do CEIP Plur. García Barbón.

Categoría Especial

Tres premios nesta categoría. “Camiño sustentable”, do CPR Plur. Sagrada Familia; Premio Especial Ondas no Camiño á radio do CPR Plur. Divino Salvador e Premio Especial “Conversas no Camiño” ao CPR Plur. Nuestra Señora de la Esperanza.

Podcast

Un premio nesta categoría. “Once voces, unha cidade e un camiño”, do CPR Plur. San Fernando.

Categoría especial

Catro premios nesta categoría. Premio especial investigación: “25 de Xullo na Historia”, ao CPR Plurilingüe Possumus. Premio especial Metodoloxías activas: “Enquisa sobre o Camiño”, do CPR Plur. Compañía de María. “Pablo no Camiño”, premio especial á inclusión, ao CPR Plur. Compañía de María. “Non hai paz para o Camiño, o Camiño é a paz”, premio especial aos valores do Camiño para o CEIP García Barbón.

Traballo colaborativo

Un premio. “O Pórtico da Gloria”, do CPR Plurilingüe Sagrada Familia.