Dende vídeos con historias sobre o Camiño, ata presentacións audiovisuais e interactivas sobre o mesmo, un cómic sobre a orixe da Ruta Xacobea, postais e infografías sobre distintos momentos da peregrinación ou unha enquisa poblacional sobre a experiencia e a aventura.

Para o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, “Escola en Camiño” é un proxecto que busca “involucrar a nenos, nenas e colexios na gran aventura de Galicia que é o Camiño e, sobre todo, aprender”. “Nestes proxectos que fixeron todos os e as escolares participantes aplicaron os coñecementos que ven na aula e viron a utilidade de aspectos que, ao mellor, se non os puxeran en práctica, pois non os verían”, apuntou o titular de Educación do Goberno galego ao finalizar a gala de entrega de galardóns.

“No fondo, é unha experiencia de innovación educativa”, puntualizou Rodríguez. O alumnado demostrou as súas destrezas na elaboracion de vídeos, fotografía, infografía, podcast e distintas metodoloxías activas aplicadas a contidos e temáticas vinculadas co Camiño.

Na gala de onte puideron verse moitos dos traballos deste ano: unha ilustración do Pórtico da Gloria, unha fotografía titulada Ponte nos meus zapatos, outra ilustración titulada Neve no Camiño, unha infografía sobre os pequenos que percorren o Camiño ou outra sobre as Estruturas góticas e románicas da Ruta Xacobea.

Tamén houbo traballos sobre os peregrinos “de antes e de agora” ou vídeos sobre a importancia e os valores dunha ruta compartida: “Camiñando xuntos”. Vídeos sobre aventuras durante a peregrinación ou o debuxo dunha cadela peregrina para concienciar sobre o abandono animal tamén durante a peregrinación foron outros dos traballos destacados. Todos eles poden consultarse en www.laopinioncoruna.es/escola-en-camino/.

Coñecer a historia, o patrimonio, a arte e o intercambio cultural

O Camiño de Santiago é unha xanela aberta de Galicia para o mundo e do mundo para Galicia, xeradora de intercambios dunha inmensa riqueza cultural, económica e social. “O obxectivo fundamental do proxecto educativo ‘Escola en Camiño’ é educar ao alumnado e inculcarlle os coñecementos e os múltiples valores deste privilexiado roteiro universal. Estimulalos a través dunha instrución coral da mesma coa adquisición de coñecementos e experiencias que lles permitan aprecialo, valoralo e potencialo en toda a súa dimensión, ademais de facelos partícipes e actores do seu necesario papel como voluntarios do Camiño. Porque, faéndoo así, dende a base, dende as aulas, non só contribuimos a unha concienciación maior das nosas xeracións máis novas, senón que tamén contribuimos a un mellor desenvolvemento e pervivencia dun legado universal”, segundo expresan as bases deste proxecto que acaba de empezar este curso. Un dos retos é estudar, coñecer e aprender sobre o Camiño dende unha vertente histórica, cultural, arquitectónica, artística e tamén de intercambio cultural e riqueza económica. “Educar, tamén emocionalmente, sobre os seus valores humanísticos, convivencia, tolerancia e o crisol de culturas que unifica”, engaden dende a organización de “Escola en Camiño”.