Cando Rusia iniciou os bombardeos sobre Ucraína, Érika Reija era a correspondente de TVE en Moscova e comezou a sentir náuseas. Nunha noite tivo que facer as maletas para escapar de Rusia, mentras o Goberno de Putin aceleraba unha lei que criminalizaba a labor da prensa. Case tres meses despois, a xornalista de Lugo recibía este sábado o premio José Couso á Liberdade de Prensa. E expresaba así os seus sentimentos entre a felicidade e a mágoa polo vivido: “A pesar dos desencantos, como dicía Kapuscinski, sigo a pensar que esta é a profesión máis fermosa do mundo”.

Érija Reija, entre Julia Díaz e Paco González Sarria, na ofrenda floral kiko delgado

Nun acto organizado polo Colexio de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, no centro Torrente Ballester desta cidade, Érika Reija recibía este galardón na súa XVIII edición e convertíase en sucesora doutros premiados como Rosa María Calaf, Julia Otero ou Iñaki Gabilondo. En xullo cumpriríanse cinco anos de correspondente en Moscova, antes estivo dous anos en Marrocos e desde 2004 forma parte de RTVE. Entre as súas coberturas, destacan a revolución da praza Tahrir en 2011 en Exipto, a caída de Gadafi en Libia, o conflito entre Israel e Palestina pola Faixa de Gaza, ou o rescate dos mineiros chilenos de 2010 na mina San José.

Nacida en 1981, Érika Reija tamén quixo dedicar o galardón “aos xornalistas independentes de Rusia e aos informadores mortos, especialmente na guerra de Ucraína”. Os actos, coa colaboración do concello de Ferrol, iniciáronse cun coloquio no que se abordou precisamente a situación do xornalismo en Rusia, a cobertura da guerra de Ucraína ou os numerosos teitos de cristal sobre as mulleres. A premiada tivo un especial recordo para José Couso, o cámara galego asasinado na Guerra de Irak en 2003 baixo disparos do exército de EEUU: “Foi o que me confirmou que quería facer este tipo de información”. E tamén adicou unhas verbas para Pablo González (candidato este ano ao Couso xunto con Víctor García Guerrero e Mónica Bernabé), nunha cárcere de Polonia, para quen pediu a aclaración da súa situación.

Tamén na entrega de flores ante a estatua Ás Ceibes, a xornalista de TVE leu o seu manifesto Na guerra da desinformación, fagamos que gañe a verdade. No texto fixo un chamamento a volver ás orixes do xornalismo, primando “a calidade sobre a cantidade, as crónicas ben documentadas sobre os textos rápidos ou as conexións ininterrompidas que engaden máis ruído que unha información veraz ”.

A cuarta muller en 18 edicións

Nestes 18 anos do premio José Couso, só catro mulleres lograron o galardón a título persoal: Rosa María Calaf, Mónica G. Prieto, Julia Otero e agora Érika Reija. A xornalista Lorena Bustabad deu voz e alma ao manifesto dos xornalistas galegos, para denunciar que neste sector “á desigualdade histórica de ser muller se engaden outras eivas para as profesionais dado que o xornalismo ten os seus propios machismos”. E recalcou que se trata “dunha situación sobre a que se impón a forma máis dolorosa de censura, a autocensura, de xeito que nós, que poñemos voz a tantos colectivos, calamos sobre a nosa propia precariedade”. Ao acto asistiu o alcalde Ángel Mato; acompañado polo presidente do Colexio de Xornalistas de Galicia, Paco González Sarria; e a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz.

Érika Reija López, nada en Lugo, licenciouse en Xornalismo pola Universidad Complutense de Madrid e en Ciencias Políticas por la UNED. Especializada no mundo árabe, traballa en TVE desde 2004.