A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades asinou convenios con 14 entidades de atención á discapacidade co fin de financiar a prestación do servizo de comedor escolar adaptado o vindeiro curso 2022-2023. En total beneficiaranse 511 alumnos, 23 máis ca no actual curso, grazas a un orzamento de 217.572,96 euros (case 10.000 euros€ máis).

O obxectivo destes acordos é facilitar a este alumnado o servizo de comedor adaptado ás súas particulares necesidades, de tal forma que as asociacións colaboradoras asumen a súa atención e coidado durante o período comprendido entre o fin das clases e o remate do servizo de comedor. Deste xeito, o alumnado pode aproveitar o carácter didáctico do comedor no que atinxe á aprendizaxe de habilidades que redunden nunha maior autonomía persoal e, polo tanto, nunha maior inclusión.

Para iso, a Xunta compensará cada trimestre ás entidades e asociacións polos gastos derivados da colaboración mutua na prestación do servizo de comedor escolar, coa cantidade global que resulte de multiplicar 2,40 euros ou 2,37 euros (en función do número de usuarios) polo número de días da prestación efectiva de comedor e polo número de alumnos con discapacidade escolarizados por ditame de Administración Educativa.

Esta acción enmárcase no compromiso do Goberno galego coa atención á diversidade. Non en balde, o sistema educativo galego vén de situarse, un ano máis, como o máis inclusivo de España, co 93,6% do alumnado galego con necesidades especiais está escolarizado en centros ordinarios, segundo os datos do Ministerio de Educación y FP.

Ademais, a Xunta está a preparar a futura Estratexia de Inclusión Educativa co fin de avanzar na consolidación dunha escola plenamente inclusiva na que se dea resposta ás necesidades e ás capacidades do conxunto do alumnado.