La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

María Casares: mulleres e memoria

A obra máis premiada foi ‘Cigarreiras’ con Mellor Director para Cándido Pazó, Mellor Espectáculo e Mellor Escenografía: con ecos de operarias da fábrica de tabacos de A Coruña

23

Gala dos Premios María Casares 2022 Carlos Pardellas

Pola terra calcinada das guerras, o exilio e as mulleres fuxitivas camiñaron os Premios de Teatro María Casares, celebrados este xoves no Teatro Rosalía de Castro. No centenario do nacemento da actriz coruñesa, as mulleres e a memoria deron vida a unha gala de galardóns moi repartidos. A peza máis premiada foi Cigarreiras de Contraproducións e Teatre Romea, que se levou o Mellor Espectáculo, Mellor Dirección para Cándido Pazó e Mellor Escenografía para Dani Trillo. A obra parte dun libro de Emilia Pardo Bazán, La Tribuna, para relatar tanto a historia das traballadoras da fábrica de tabacos de A Coruña como outras loitas feministas.

Cándido Pazó levou tres premios polas súas ‘Cigarreiras’. | // CARLOS PARDELLAS

Cándido Pazó recordou que “desde 1998 con Josito Porto non recibía un premio como director”. E adicouno a “todas as cigarreiras e actrices que me rodearon”, cigarreiras en sentido literal pero tamén figurado como “a miña nai, irmás e compañeira”. Admitiu que “tras séculos de espera hai tanto por pagar que pagaremos durante anos, así que cigarreiras ao poder”, en alusión ao papel das mulleres.

Polo camiño do feminismo tamén transitaron a presentación a cargo de seis actrices e os discursos dos premiados. A Mellor Actriz Protagonista, Belén Constenla por Terceiro Acto, celebrou “que se apostase por unha historia de maiores de 65 anos”. E recalcou que agora tamén interpreta noutra obra a María Casares, “que ten algo de bruxería”. Tamén por Terceiro Acto o Mellor Actor Protagonista foi para Eduardo R. Cunha Tatán: “Este premio está adicado ás familias que teñen xente nas cunetas e aínda non foron desenterradas, viva a República”.

Como Mellor Actriz Secundaria por Comando de Comadres, Anabell Gago defendeu que “a liberdade dunha sociedade mídese por como se trata ás mulleres, por iso dou as grazas ás mulleres que durante séculos loitaron por nós”. E insistiu en que “as feministas non somos feminazis, nunca unha feminista fixo un campo de concentración para exterminar aos homes”. Tamén o Mellor Actor Secundario, Fernando Dacosta por Morgana en Esmelle, afirmou que “temos que aprender do femismo” ao mesmo tempo que reivindicaba “a decisión política de adicar cartos á cultura”.

Nunha XXVI gala dirixida por Carlos Álvarez-Ossorio baixo a organización da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, seis intérpretes deron voz aos textos de María Casares: Marián Bañobre, Nerea Brey, Sheyla Fariña, Rosa Puga Davila, Marta Pérez e Mónica de Nut. Seguiron os pasos da fuxitiva na España de 1936 que atopou a súa patria nos teatros de París. Coa mensaxe de “saúde, feminismo e teatro”, a Asociación de Actores e Actrices esixiu “un teatro como espazo seguro sen violencias machistas nin abusos de poder, estamos para axudar a calquera muller”.

Por eses recordos da casa roubada do pai Santiago Casares Quiroga ou dos libros queimados, viaxou mil veces Lino Braxe. Grazas a el, estes premios levan o nome da actriz á que convenceu nos seus últimos tempos de vida. A título póstumo, o dramaturgo falecido recibiu o Premio de Honra Marisa Soto. Foi recollido pola súa irmá María Braxe, das mans dunha emocionada Luma Gómez que loubou “un xenio creativo que nunca deixou de espallarse”. As palabras de María Braxe deixaron unha estela de tristura na noite: Lino foi sete veces nominado “e nunca premiado, o seu Hamlet nunca foi suficientemente recoñecido, moitas das súas obras quedaron sen estrear... o resto é silencio”.

A lista dos gañadores desta XXVI edición

Mellor Maquillaxe: LaPelu F. Silva por Comando Comadres de Matrioshka Teatro.

Mellor Vestiario: Silvia Delagneau por Othello de Voadora.

Mellor Escenografía: Dani Trillo por Cigarreiras de Contraproducións / Teatre Romea.

Mellor Iuminación: Nuno Meira por Othello de Voadora.

Mellor Música Orixinal: Ailén Kendelman por A cazola de Lola de Tanxarina.

Mellor Adaptación / Tradución: Vanesa Sotelo por A lúa vai encuberta de Incendiaria / A Quinta do Cuadrante.

Mellor Texto Orixinal: Araceli Gonda, Marta Lado, José Prieto, Diego Rey, Séchu Sende e Artur Trillo por A parábola do angazo de Talía Teatro.

Mellor Actor Secundario: Fernando Dacosta por Morgana en Esmelle de Sarabela Teatro.

Mellor Actriz Secundaria: Anabel Gago por Comando Comadres de Matrioshka Teatro.

Mellor Actor Protagonista: Eduardo R. Cunha Tatán por Terceiro Acto, que está producido polo Centro Dramático Galego.

Mellor Actriz Protagonista: Belén Constenla tamén pola obra teatral Terceiro Acto a cargo do Centro Dramático Galego.

Mellor Dirección: Cándido Pazó por Cigarreiras de Contraproducións / Teatre Romea.

Mellor Espectáculo Infantil: Hugo de Os Náufragos Teatro. O equipo lanzou unha mensaxe de “confianza no mundo do teatro, como confiou en nós o concello de Neda para a súa estrea”. O espectáculo estase levando agora polos barrios da cidade de A Coruña. A obra fala do autismo, “da importancia de entender a diferencia e que todos somos iguais, como diferente era Samuel Luiz asasinado nesta cidade hai menos dun ano”.

Mellor Espectáculo: Cigarreiras de Contraproducións /Teatre Romea. Cándido Pazó, que tamén recolleu o premio ao mellor director, deu as grazas en nome da produtora Belén Pichel. “Temos unha gran xira por aí adiante que nos enche de ilusión, e o máis bonito e estar todos xuntos a cara descuberta”, celebrou. Fixo nese sentido unha lembranza a “como resistimos todos e aquí estamos no Rosalía de Castro en representación de todos os teatros do país”.

Compartir el artículo

stats