Para os amantes das Clásicas (e doutras paixóns máis terrenais), James Ivory trenzou o guión de Call me by your name. En cada bautismo hai un acto de amor. E a Real Academia Galega tamén realiza un traballo etimolóxico, pero á inversa. Nesta ocasión, quere que chamemos aos lugares, montes, ríos e fontes polo seu auténtico nome. O seu proxecto Toponimízate duplica esforzos este ano na divulgación da toponimia en 17 concellos, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Na quinta edición, a RAG quere ampliar esta iniciativa colectiva de “salvagardar os nomes de lugar coa aplicación Galicia Nomeada”.

As novas incorporacións son Pantón, Sada, Laza, Chandrexa de Queixa, A Fonsagrada, Covelo, Castrelo de Miño, Rodeiro, Fisterra, Ortigueira, Allariz, Oleiros, Ponteareas, Forcarei, Zas, Guntín e O Incio, polo que se chegaría así a 70 concellos. Os elexidos son territorios con “necesidades urxentes”. É dicir, “onde a microtoponimia (nomes de leiras, montes, regatos, fontes, penedos) corre maior risco de se perder, por sufrir amplos procesos de transformación do territorio ao ser concellos próximos a grandes vilas e cidades (o caso de Oleiros) ou por vivir un forte despoboamento nas últimas décadas (Laza)”.

O paso por estes concellos servirá así para recuperar a súa toponimia, da man das charlas cos seus veciños. De momento, xa se recuperaron máis de 43.000 microtopónimos. As sesións son impartidas polo coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e de Galicia Nomeada, Vicente Feijoo, xunto co académico Gonzalo Navaza.

Como recorda o presidente da Real Academia, Víctor F. Freixanes, “cada nome de lugar ten detrás a historia do país, o tempo dos avós que se transmite aos netos”. Na presentación desta nova edición do Toponimízate, este mércores en A Coruña, estivo con Freixanes o secretario xeral de Política Lingüística. Valentín García destacou “a importancia deste patrimonio inmaterial que temos o deber de protexer, coidar e divulgar, especialmente nas novas xeracións”.

Búscase deste xeito a participación do máximo número de veciños para enriquecer aínda máis o patrimonio etimolóxico galego, que tivo o seu xermolo no Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011). O 4 de xullo, as charlas xa chegarán a Sada cun encontro no Centro para a Atención de Persoas Maiores de Mondego “xa que eles son os gardiáns da toponimia deste concello das Mariñas”. Tras percorrer Galicia durante todo o verán, Toponimízate estará en outono en Oleiros (28 de outubro no Auditorio da Fábrica, Perillo).

A plataforma Galicia Nomeada xa ten 2.600 colaboradores que sumaron nomes para 292 concellos. Os interesados poden tamén participar na web galicianomeada.xunta.gal, o correo toponimia@academia.gal ou no teléfono 881 995 322.

Unha terra con 5.000 topónimos máis que todo Portugal

Galicia pode presumir de ser unha das comunidades da Unión Europea con máis nomes de lugares, segundo indicaron desde a Real Academia Galega en anteriores edicións de Toponimízate. De feito, esta comunidade autónoma conta con case a cuarta parte de todos os topónimos que existen en España. E ten 5.000 topónimos máis que os que hai rexistrados en todo Portugal.

Desde o ano 2019, a aplicación Galicia Nomeada —creada entre a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística—permite aos seus usuarios coñecer e comprobar os nomes dos lugares de toda Galicia. Xa no momento da súa presentación hai tres anos, ofrecíanse nesta app 478.000 topónimos dispoñibles. Pero entón o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, calculaba que en realidade podería haber dous millóns.

Entre outros servizos, na aplicación aparecían documentadas fotografías aéreas desde os anos 50 para visualizar como eran as zonas antes de intervencións humanas como a construción de edificios.