Na Real Academia Galega de Belas Artes entra este sábado como académico numerario o deseñador Roberto Verino, que xusto cumpre 40 anos no mundo da moda. No Auditorio de Verín pronunciará o seu discurso Aportación da moda galega ao orgullo de país, para entrar na Sección de Artes da Imaxe.E recibirá resposta por parte do membro numerario Xurxo Lobato. Asistirán os presidentes da Ragba, Manuel Quintana Martelo, e do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

Manuel Roberto Mariño Fernández (Verín, 1945), máis coñecido como Roberto Verino, lanzou a súa primeira colección de Prêt-à-Porter en 1982, e dous anos despois xa desfilaba na pasarela Cibeles de Madrid. En 1987 comeza a vender as súas coleccións en El Corte Inglés, e un ano despois foi elixido presidente da Asociación de Prêt-à-Porter feminino (xerme da Asociación de Creadores de Moda e da Asociación Téxtil de Galicia). Xa en 1999 fundou a Asociación de Creadores de Moda de España con Jesús del Pozo, Antonio Pernas, Angel Schlesser e Modesto Lomba.

Con coleccións sempre elegantes adicadas a ensalzar a beleza, sen estridencias, logrou numerosos premios como o T de Telva (1991e 1994), o Baileys á Mellor Colección Primavera-Verano, a Agulla de Ouro (1992) ou a Medalla Castelao (1996). Os 90 foron definitivamente os seus anos de expansión, coa inauguración da primeira tenda en Madrid ou o lanzamento das súas fragancias.

Sempre volcado na diversificación da súa creación, tamén se lanzou ao mundo do viño coa adega Gargalo. Entrou en México en 2005 coa apertura dos seus corners nos grandes almacéns Liverpool. Aínda tería tempo para recibir a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes en 2008, ou a inaugurar exposicións retrospectivas en Nova York.

Adiantado ao seu tempo, lanzou a súa tenda online no 2012, e no 2016 desvinculouse da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid (Mbfwm) para liderar o movemento See now, buy now. Desfila no Museo Balenciaga como invitado especial. Chega á primavera de 2020 cunha colección que pretende “contribuír a un mundo máis amable, atento e pausado, un futuro marcado pola pandemia”. E en 2021 presentará Esencialismo. Para este 2022 prepara unha exposición itinerante de fotografía de moda da marca.