O equipo PAMP!, cuxo nome rende homenaxe á primeira programadora informática galega, presentou este mércores a canción Ai-Lalelo no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. O coordinador do proxecto, Joel Cava, remarcou que este tema, xerado por Intelixencia Artificial (IA), “reivindica a tradición e innovación da cultura galega”.

Esta canción representará a Galicia no Al Song Contest, o festival de música xerada por IA creado en 2020 durante a pandemia. O evento, que se celebrará o próximo 6 de xullo, reunirá a 15 finalistas de todas as partes do globo na cidade belga de Liexa. Xa se pode votar por Ai-Lalelo a través de votaailalelo.com. Ademais de Joel Cava, na rolda de prensa participaron o compositor, Xandre Outeiro, e o produtor musical, David Santos. Cava desvelou o propósito do proxecto, nado o 23 de marzo deste ano, que se trata dunha iniciativa cara ás mulleres galegas. A canción, centrada na figura dunha costureira durante as catro estacións do ano, presentarase en directo este 1 de xullo no programa da TVG Luar.