Coa mesma maxestuosidade da catedral de Santiago, as cantigas galegas forman “un monumental corpus medieval” que suma máis de 2.100 obras. E entre os seus creadores destaca a figura eterna de Martín Códax, trobador dos séculos XIII-XIV que coloca os seus pés en pleno XXI. A Real Academia Galega de Belas Artas (Ragba) decidiu adicarlle o Día das Artes Galegas de 2023, que se conmemorará o 1 de abril. A decisión foi tomada na sesión ordinaria do pasado sábado, celebrada en Verín. E por primeira vez toma unha vertente musical, para este lírico de máis que probable orixe viguesa.

Segundo explica a Ragba, “a grandeza da lírica medieval galega explícase pola conxunción de texto e música, de tal xeito que a música é o vehículo do texto poético.” As cantigas acadan así “unha dimensión histórica, cultural e identitaria que, aínda que ninguén ignore, posiblemente non se chega a ser plenamente conscientes do seu verdadeiro alcance”. Máis alá das Cantigas de Santa María de Alfonso X, as que se conservaban dos trobadores e xograres galegos “carecían do texto musical correspondente”. Ata que en 1914 Pedro Vindel descubriu o pergameo que leva o seu nome, coa música de seis cantigas de Martín Códax: “Unha revelación para os estudos da música medieval europea de gran transcendencia internacional.”

O achádego, exposto en museos de todo o mundo, coincidía a principios do século XX coa “eclosión do nacionalismo musical” (un fenómeno xa iniciado a finais do XIX por Marcial Adalid e continuado por Juan Montes, Pascual Veiga que fundou a coral El Eco na Coruña, José Castro Chané e José Baldomir, entre outros).

Da primeira transcripción encargaríase o mestre de capela da catedral de Santiago, Santiago Tafall, no ano 1917. Segundo indica a Ragba, “esta transcrición teríase que tomar hoxe en día con certas reservas, xa que na súa época a musicoloxía e a etnomusicoloxía eran ciencias que aínda non alcanzaran o desenvolvemento actual, pero nos comentarios de Tafall atópase a chave do significado das melodías de Martín Códax”. Esas Melodías Codacianas considéranse “xenuinamente galegas, co encanto do que podemos escoitar aos noso campesiños”, indicaba Tafall.

Esa obra musical de Martín Códax (tanto popular como culta) pode ambientarse coa iconografía musical do Pórtico da Gloria, creado polo Mestre Mateo para a catedral de Santiago. Precisamente, o Día das Artes Galegas naceu en 2015 co Mestre Mateo como primeiro homenaxeado. Polo que a Ragba pecha en certo modo un círculo iniciado sete anos atrás.