La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Ferror Records: o son e a furia

A discográfica ‘underground’ galega cumpre sete anos con case 80 publicacións e o lema de ‘Apoia a túa escena local’, con lanzamentos como Chicharrón ou Músculo!

Fernando F. Rego e Serxio Peck, os promotores de Ferror Records Iago Polo

Tan underground como os lascivos cómics do Gato Fritz. Como o caleidoscopio novelístico do Sound and Fury (1929). Pero nesta ocasión, o soño da razón non produce monstros senón case 80 traballos musicais en só sete anos. Neste barco navega a discográfica Ferror Records: todo un referente na industria cultural galega, pola súa independencia e fogosidade. Impulsada por Fernando F. Rego e Serxio Peck en 2015, desde un Ferrol tan proclive á música como á peculiaridade, a compañía celebra o seu aniversario con novos discos.

Los Eternos, a variedade de Ferror Records. | // ÓSCAR MILLARENGO patricia hermida

Segundo Fernando F. Rego, “cando montamos isto había unha efervescencia na autoxestión, con Discos Porno en Ourense, o Liceo Mutante en Pontevedra, ou a Metamovida”. Cada cidade galega tiña un colectivo similar, “Serxio e eu coincidíamos en todos os saraos e queríamos dinamizar a nosa escena local”. Desa ilusión saíron á rúa nestes sete anos traballos de Chicharrón, Músculo!, Los Eternos ou Legítimo Polvo. Ademáis da reivindicación dos totems da música galega como Andrés do Barro a través de exposicións.

Chicharrón, un dos grupos máis recoñecidos Ferror Records

“Temos grandes colaboradores como Tony Ramírez de Carrero Bianco nos tratamentos de audio, Iago Polo ou Alberto Amigo (Todo el Largo Verano), formamos cos grupos unha gran familia e eles saben que teñen o respaldo dos seus amigos”, indica Rego. Cada ano foron editando máis discos en dixital e físico, xunto coa organización de eventos como os Solpores de Canido cos que celebraron o séptimo aniversario. “Cando vamos por Galicia adiante coñecen o noso selo, damos a sensación de que Ferrol non para”, festexan.

Músculo!, outra peza clave do catálogo de Ferror Records. | // DENÍS E. F.

Neste tempo editaron 76 referencias discográficas. E neste mes “sacamos a Empty, un rapaz colombiano da Coruña que fai electrónica co seu EP Los Diablos; e pronto a Carlos Ordoñez , pioneiro da electrónica galega con Prozack polo cal para nós é un luxo”. Por último, Ferror Records tamén prepara o último de Músculo! e un vinilo de Los Autores, ademáis “dunha expo despois do verán vinculada a outro rescate musical”.

Do Cruceiro de Canido entre o Clavel e Cándida, Fernando F. Rego e Serxio Peck pasaron a “ter solicitudes de grupos de fóra de Galicia, pero seguimos sendo un selo pequeno e romántico... non comercial”. Con traballos finalistas nos Martín Códax e o lema de Apoia a túa Escena Local, Ferror Records lanza discos como “bombas na profundidade do tempo”. E persegue o lema de Discos Porno: “Non sexas un autómata e faino ti”.

Na música polo romanticismo

A pandemia foi complexa, “non houbo grandes lanzamentos nin festivais”. Pero Fernando F. Rego apunta: “Os medios tiñan que seguir cubrindo información , e nós lanzamos tres ou catro traballos no 2020 con gran aceptación”. Amite que “a supervivencia das salas é complicada porque están pechando en toda España, cambiou o modelo cultural e hai unha financiación dos macrofestivais mentras as pequenas salas pasan por moitas dificultades”. Engade que “se cancelan moitos concertos porque a venda anticipada é moi pequena, hai unha festivalización da música para redes sociais e Tik Tok, cultura do eventismo, pan para hoxe e fame para mañá e nós somos o oposto”.

Aposta pola programación local todo o ano. “Traballamos fóra da rendabilidade económica, sacamos algún disco sabendo que sería un fracaso, actuamos por romanticismo”, indica Fernando. Cunha defensa do galego, moita electrónica e synth-pop, e variedade. E o plus de ter discos na Discoteca Atlántica de Marcos Gendre: “Queremos que en 30 anos, cinco dos nosos discos sexan recordados”.

Compartir el artículo

stats