La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

'Fisterra': o noso mundo en 40 relatos

Escritoras e escritores galegos como Méndez Ferrín, Marina Mayoral ou Olga Novo participan neste recopilatorio lanzado polos Amigos do Libro Galego con Ediciones Linteo

Xosé Manuel del Caño, Ascisclo Manzano e Valentín García, na presentación. // VICTOR RDEZ Víctor Rdez

Cando os romanos chegaron a Fisterra, abraiáronse ante o afundimento do sol no fondo do océano. No máis profundo do azul Atlántico tamén se mergullan 40 autoras e autores galegos, a través dun libro precisamente chamado Fisterra. Desde o mar da Costa da Morte baixo un ceo rosado na portada ata as ondas pintadas na contra por Acisclo Manzano, este recopìlatorio de relatos curtos inéditos camiña pola tradición narrativa galega. Con pegadas desde os contos da lareira ata aquela xoia chamada Vento ferido de Carlos Casares. E chega a través da entidade Amigos do Libro Galego / Artes e Letras, creada en decembro de 2020. Segundo o seu presidente e impulsor do proxecto, Xosé Manuel del Caño, “acariciaba a iniciativa desde hai dez anos, e por fin temos o anuario con relatos que non falan directamente de Fisterra pero si da maxia do fin do mundo: por diante América, detrás Europa e Asia, abaixo África”.

A escritora Marina Mayoral. | // LA OPINIÓN patricia hermida

Polas máis de 450 páxinas teclean (ou manuscriben) desde Darío Xohán Cabana (con inéditos xusto antes de morrer) a un Méndez Ferrín que se asoma á súa infancia como non fixera antes. Tamén Úrsula Heinze cun Inverno que baila ata a poesía, Marina Mayoral que viaxa aos tempos de O meu tío, as mulleres, os coches e máis eu, ou Olga Novo que deixa a lírica a través de O universo é finito, pero non ten límites.

Xosé Luis Méndez Ferrín JESÚS DE ARCOS

Para principios de 2023, Amigos do Libro Galego (con sede en Ourense pero participación de toda Galicia) conta con sacar outro recopilatorio no que xa se confirman inéditos de Manuel Rivas e do recordado Domingo Villar. Segundo Xosé Manuel del Caño, “no futuro tamén queremos facer anuarios de poesía, ensaio e teatro; ademáis de recuperar bibliotecas de importantes escritores para facer a transición a institucións públicas”.

Olga Novo, Premio Nacional de Poesía | // LA OPINIÓN

Fisterra defínese como “encontro virtual de escritores tecido en tempos de pandemia, ao final do camiño e onde Galicia mira ao mundo”. Os relatos chegan “despois do momento complicado de sufrimento e illamento, para aportar ensoñación”.

Con certa emoción, regresa Méndez Ferrín a este xénero tras 20 anos sen abordalo. Recorda Del Caño que “Otero Pedrayo tiña un irmán que era un pinsapo co que se fixo o seu cadaleito, tamén Méndez Ferrín era fillo único e nesta historia inédita conta que o seu amigo de neno era un can”. Unha infancia que agora Ferrín olla en brétemas, cal Charles Foster Kane, desde “o labirinto de Monte Alegre”.

O resultado de “botar as redes ao mar literario”

Da man da ourensana Ediciones Linteo, a piques de cumprir 25 anos e con Premios Nobel no seu catálogo como Cela ou Juan Ramón Jiménez, esta Fisterra trae a autores como os seguintes (ademáis dos citados no resto da reportaxe): Xavier Alcalá, Fran Alonso, Diego Ameixeiras, Rosa Aneiros, Francisco Castro, Héctor Cajaraville, Marica Campo, Paula Carballeira, Luz Darriba, Reigosa, Eva Moreda ou Rexina Vega. Hai 16 escritoras e 24 escritores, pero no segundo volume (que sairá cunha das grandes editoriais no primeiro trimestre de 2023, baixo outro nome da topografía galega) as mulleres superarán aos homes.

Como indica Manuel Forcadela no prólogo, é un mostrador da literatura galega actual, con distintas xeracións e estilos, unha foto do momento: “O resultado de botar as redes ao noso mar literario”, recorda Del Caño. Cada escritor e colaborador levarase ademáis unha lámina de Acisclo Manzano. No segundo volume o pintor será Manuel Buciños, para acompañar a autores como Domingo Villar: “Ese home tan humilde, tan sinxelo”.

Compartir el artículo

stats