Os soños eléctricos da Real Academia Galega transfórmanse en realidade ao completarse a dixitalización das súas publicacións propias. Segundo informa a propia RAG, quedan listos 177 títulos editados dende 1906. E entre eles figura o propio diccionario da Academia, que se publicou en fascículos entre 1913 e 1928. Estas obras agora descargables xa poden consultarse en academia. gal e serán incorporadas en breve a Galiciana.

O primeiro diccionario da RAG xa pode consultarse RAG

Que pezas poderemos atopar xa dixitalizadas? Por exemplo, as edicións dedicadas a Cabanillas, Francisca Herrera Garrido ou Celso Emilio Ferreiro, ademáis doutros protagonistas do Día das Letras Galegas. Aparecen os discursos de ingreso na Academia de Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego ou Luz Pozo Garza, e edicións históricas das normas da lingua

Na web aparecen na sección de publicacións dixitais, con preto de 37.000 páxinas de 325 volumes. “Poden consultarse de balde dende calquera parte do mundo cun simple clic, de acordo co propósito da RAG de ofrecer á cidadanía todas as súas publicacións en aberto”, celebran desde esta institución.

Especial relevancia cobra o Diccionario gallego-castellano da RAG (1913-1928). Trazado polo historiador César Vaamonde Lores, segundo arquiveiro-bibliotecario da Academia, “é unha contribución incompleta que remata na voz cativo, pero de indubidable interese histórico e lexicográfico”. Trátase do “primeiro que se preocupou pola modernización do idioma, inclúe tanto formas usadas de xeito tradicional como neoloxismos da época... e versos medievais”.

Nos títulos dedicados aos homenaxeados nas Letras Galegas tamén destacan as autorías: O de Ramón Cabanillas (1976) foi escrito por Ricardo Carvalho Calero, o de Otero Pedrayo (1988) por Carlos Casares, o de Rafael Dieste (1995)por García Bodaño. Outras xoias: as normas históricas da lingua galega dende os anos 70, as Cartas a Murguía conservadas polos académicos Lorenzo e Axeitos, ou os volumes de Libros e autores galegos de Carvalho Calero.