La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

O testamento ecoloxista de Rosalía de Castro

Alvarellos saca á venda por primeira vez no mundo un facsimilar de ‘En las orillas del Sar’

María do Cebreiro e Henrique Alvarellos, cun exemplar do facsímil 'En las orillas del Sar' Alvarellos

Cando unha novísima Rosalía de Castro brindaba cos seus amigos no banquete de Conxo, o carballo xigante xa estaba alí como símbolo da eternidade. Sen embargo, nesa festa do 2 de marzo de 1856 todo era efímero. Un tempus fugit volcado no poemario En las orillas del Sar, definido por María do Cebreiro como “un libro sensible como poucos no vínculo entre natureza e a historia”. Polo túnel do tempo, regresa esa obra na sua primeira edición facsimilar posta á venda. O proxecto parte de Alvarellos Editora, nun xesto ata agora inédito no mundo e que amosa o testamento ecoloxista de Rosalía.

Última fotografía en vida de Rosalía de Castro coa súa familia Alvarellos

Como indica Henrique Alvarellos, director da editorial, “temos unha liña de recuperación rigurosa de facsímiles con grandes libros en galego e castelán, como Seis Poemas Galegos de Lorca, La lámpara maravillosa de Valle-Inclán ou El primer loco (a última novela de Rosalía)”. Ata agora, “nunca se comercializou unha edición facsímil de En las orillas del Sar, sacouse unha edición de agasallo sobre 1985... pero nunca unha facsimilar destinada á venda” (ao contrario do acontecido con Follas Novas e Cantares gallegos).

O poema ‘Los robles’ xa fala da riqueza que podemos atopar na natureza. | // ALVARELLOS

Trátase do poemario “que consagrou a Rosalía na cultura española, xa estaba consagrada na galega pero con ese libro convertíase na gran poeta da España do século XIX xunto con Bécquer”. A primeira edición publicouse en castelán en Madrid en 1884 e a editorial galega traballou a partir dun orixinal que conservaba a RAG. Segundo relata no limiar a poeta e ensaísta María do Cebreiro, “Santiago e Conxo, concellos independentes na vida da autora, son os lugares nos que Rosalía espertou ao amor, á literatura e á política, que para ela foron case a mesma cousa”. Apunta que “Rosalía é filla dun tempo histórico como di a monografía de Catherine Davies de 1986, é filla das revolucións do XIX”. A súa participación no banquete do Conxo “xa foi para conmemorar o décimo aniversario da revolución de Solís, vemos a figura da Rosalía da bohemia nun ambiente de Compostela case hipster onde era condiscípula de Pondal, Murguía e Aguirre “.

No poemario, segundo Alvarellos, “faise unha defensa ecoloxista pioneira en Europa, co carballo de Conxo e o banquete democrático (que recuperamos no sur de Santiago)”. Entre os versos destacan Los Robles (coa pegada social en Y el anciano y el niño, contentos, en su lecho de paja dormían) e ¡Jamás lo olvidaré! (Si talan nuestros bosques que cuentan siglos... ¡quedan ya tan pocos!).

Maria do Cebreiro, que xa escribiu o limiar de El primer loco, considera que “nos últimos anos Rosalía vai emerxendo ante nós como unha das primeiras poetas ecoloxistas de Europa, que consegue non tanto defender a natureza como escoitar e traducir a súa voz á linguaxe humana”. Neste aspecto, a autora galega “foi unha das primeiras mulleres españolas e latinoamericanas en tratar a escravitude a través do Atlántico en La hija del mar, e tamén amosou sensibilidade coa natureza dun modo combativo: porque sabía que atacala era atacarnos a nós mesmos”.

Ata agora saíran á luz ducias de edicións de En las orillas del Sar, “pero xa temos nas nosas mans o libro da fundadora da literatura galega coa experiencia lectora do XIX”. Recalca Alvarellos que “é unha edición popular de 18,5 euros, pero con mil coidados na súa concepción”. Grazas á colaboración coa RAG, realizouse un traballo de limpeza sobre o orixinal “coa eliminación de impurezas e humidades, respectando tipografías, composición e ilustracións”.

Despois da morte de Rosalía, Manuel Murguía sacaría outra edición en 1904 pero cambiou a orde dos poemas nunha reinterpretación. Pero segundo María do Cebreiro, o exemplar de 2022 “devólvelle á autora a súa soberanía”. Matiza que “nunca un autor é totalmente dono dun produto editorial, neste caso houbo demasiadas mediacións e non só por parte de Murguía”. Existe aínda agora “certa manipulación e hipsterización de Rosalía, parece que ten que ser a máis feminista e moderna... pero reivindico a lectura das súas obras como mellor homenaxe”.

Compartir el artículo

stats