La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Xavier Alcalá e Siro, máis que amigos

O escritor reedita ‘Alén da Desventura’ con ilustracións do seu colega, na que personaxes de Ferrol se trasladan ao século XVIII e atopan a Paco Vázquez como un dos seus viláns

Xavier Alcalá e Siro López, cando idearon esta reedición de 'Alén da Desventura' Arquivo Xavier Alcalá

Como na película Os Duelistas de Ridley Scott, a relación entre Xavier Alcalá e Siro López avanza no tempo mentres o mundo cambia. Pero no caso destes galegos, nunca houbo inimizade nin unha soa rifa. “Os dous temos unha lingua viperina que nos faría antipáticos, pero sempre mantivemos unha amistade tranquila... e eu teño xente que non me pode ver, como Paco Vázquez que me fuxe”, explica un sempre irónico Alcalá. Tras medio século de colaboracións, a última (de momento) chega a través dunha reedición de Alén da Desventura. Alcalá gañou o Blanco Amor en 1998 con esta novela sobre ferroláns dos convulsos anos 90 nunha especie de viaxe no tempo á cidade ilustrada de 1775. Agora reedítase coa Editorial Galaxia e a novidade das ilustracións de Siro, nas que aparecen viláns como unha reencarnación nada menos que de Paco Vázquez.

En Bermúdez de Covas adiviñamos a Juan Fernández.  | // ‘ALÉN DA DESVENTURA’

En Bermúdez de Covas adiviñamos a Juan Fernández. | // ‘ALÉN DA DESVENTURA’ patricia hermida

A súa alianza naceu hai xa máis de 50 anos, cando Siro inauguraba unha exposición no ferrolán Coro Toxos e Froles: “Foi en 1970, nunha mostra que fixen de caricaturas sobre personaxes do réxime como López-Bravo e outros coñecidos da cidade, entre os visitantes estaban desde inspectores da Brigada Social na busca dunha célula comunista... ata militantes do PCE para sondearme”. Ante os debuxos con escritos en galego, “un falanxista casado cunha curmá miña berrou ¡Todo esto sobra!”. E alí apareceu un novísimo Alcalá, que xa facía letras para Andrés do Barro. “Pedinlle a Siro que me ilustrase o libro Voltar. Seis persoaxes e un fado (publicado en 1972 con retraso debido á censura)”, indica o escritor. E cada capítulo foi así introducido por un párrafo do Apocalipse de San Xoán ilustrado por un Xinete da Apocalipse.

Xavier Alcalá na súa voda, Siro López, Ramón Piñeiro, Pedro Cabo Fernández e Ramón Yáñez en 1974. //@xavier-alcalá SUSANA REGUEIRA

Despois chegarían máis colaboracións xornalísticas e exposicións, como a que organiza estes días Afundación, ata regresar a esta reedición de Alén da Desventura. Destaca Alcalá que “Siro foi capaz de dotar de cualidades morais a protagonistas que mesmo non coñecera”. Entre os coñecidos si que figura Juan Fernández, que foi conselleiro de Industria e despois concelleiro en Ferrol, como impulsor do Centro de Innovación e Servizos da Cabana. Ou Paco Vázquez, alcalde de A Coruña entre 1983 e 2006, que no libro aparece reconvertido nun ficticio “traidor que procedía da Coruña, un vilán que viña a fastidiarnos a todos”. Pero non aparecen caricaturizados, “senón idealizados ao estilo Greco, en retratos nos que lles din 15 centímetros de altura máis”, ri Siro.

Na recreación do século XVIII colaborou o coronel retirado e especialista na época, Juan Antonio Rodríguez-Villasante, que ata asesorou a Siro con debuxos sobre os uniformes. Deixa claro o ilustrador que “para este libro fixen retratos e non caricaturas, nunha caricatura hai que captar dun xeito moi evidente os ollos e a boca... pero no retrato hai que ser máis sutil”. Por exemplo, lembra como caricaturizou “a Fraga como un tiranosaurus rex ou un elefante”.

O espíritu aventureiro transita pola cidade naval e invitablemente pola novela de Xavier Alcalá: “Como dicía Torrente Ballester a partir dunha cita británica de Graham Greene, Ferrol me fecit (o orixinal era England me fecit) e todos acabamos marcados pola peculiaridade dunha cidade única no mundo”. O escritor parte dos datos de Rodríguez-Villasante para recalcar que “durante séculos tivemos o maior estaleiro do mundo ata que os americanos no século XX aportaron as súas propias grandiosidades”.

Nunha zona onde todo o mundo é enxeñeiro (ou case, ou algo parecido), as personaxes de Alén da Desventura tamén contan con ese perfil entre técnico e explorador. E chegan así ata o cono sur de América, “onde o primeiro explorador foi Basilio Villarino, que era de Noia pero estudou na Escola Náutica Matemática da Cabana... desde onde partiu para descubrir o paso intermedio entre Arxentina e Chile”. Polas exploracións no sur da Patagonia navega este libro, “unha zona onde tamén tivo lugar a maior revolución anarquista sindical en 1921”. Afirma Alcalá que “estando en Río Gallegos un vello díxome que quen armara esa revolución fora o ferrolán Antonio Soto, capaz de erguer en armas con 23 anos unha superficie maior que a Península Ibérica”. Aquel Antonio anarquista “morrería velliño chorando polas procesións de Ferrol”.

Conclúe Alcalá que “andiven América de arriba abaixo e sempre atopei ferroláns, pero non montaban bares como outros emigrantes senón proxectos técnicos ou creativos”. Na documentación sobre a Ilustración tamén colaborou Villasante, mergullándose en casos como un motín dun buque que partía de Montevideo con prisioneiros británicos e que acabou en Galicia.

Da época de 1996 a 1998, trasladada á ambientación do século XVIII, aparecen alcaldes de A Coruña e Ferrol nesa política de hai 25 anos onde os plenos municipais nas cidades galegas eran “auténticos espectáculos”. No ano da publicación orixinal, “ninguén quedou ofendido, aínda que ocultei especialmente a identidade do máis ruin: un nacho de Madrid”.

A colaboración entre Alcalá e Siro, tamén aparece na prensa dos 70. “Achegueime con Andrés do Barro a Suiza e fixen unha crónica sobre as chabolas onde vivían os galegos, e pedinlle uns debuxos a Siro para publicala no Ideal”, indica Alcalá. E como a vida forma un círculo máxico, a amistade avanza nesta reedición mentres Alcalá recoñece ser un dos azotes de Twitter: “Nunca me calou ninguén e xa son vello para cambiar”.

Compartir el artículo

stats