A amizade tóxica, o éxito, os traumas, a protección, a sumisión, a valentía, a loucura, a intriga ou o dano. E no podio: a culpa. Así se titula a obra coa que María Solar (Santiago de Compostela, 1970), xornalista e escritora, acaba de gañar o Premio Xerais de Novela 2022. O libro sairá en novembro. “E Xerais recuperará a gala. Faime moita ilusión”, indica Solar.

Canto tempo lle levou escribir esta obra?

Uns cinco anos. Foi unha novela que me colleu nun cambio vital importante e con moito traballo. Por primeira vez na miña vida eu tiña clarísimo o que ía contar e non podía sentarme a escribilo. Provocoume angustia. Sabes a onde queres chegar pero hai que escribilo. A escrita supón horas de soidade.

Titúlase “A culpa”. Ademais deste tema trata moitos outros: a amizade, por exemplo.

Si. A novela aborda o tema da culpa. Aparece en todos os protagonistas, por presenza ou por ausencia. E logo: as culpas sociais. A sociedade necesita culpables. E creo que cando es unha muller es culpable de moitas cousas. A historia son dúas amigas que teñen unha amizade de por vida, que se fragua a partir de algo terrible que unha fai para salvar á outra. Vailles moi ben na vida pero teñen unha relación de manipulación, control. Entón, a pregunta sería: cando acabas de pagar un favor que é inmenso? Parece que nunca. A persoa que cho fai pode terte atrapada de por vida. Hai unha amizade que por momentos é bonita e por outros é absolutamente dominante, controladora e tóxica. Pero como está ese favor tampouco podes marchar.

A difícil liña entre amizade, amizade tóxica, suposta protección...

Hai unha evolución no libro. O que empeza como unha amizade, logo segue como unha persoa que te controla e te leva a onde quere. Xa termina na loucura e incluso na usurpación da personalidade. Quero dicir que o libro vai evolucionando cara a loucura e cara o peor que dan as persoas.

Tamén hai mortos? (agardemos non facer ‘spoiler’...)

Hai varios. Algúns non crean culpa. Persoas que estaban facendo un dano tremendo. Pero ao final dos días a culpa sempre aparece, por iso digo que a culpa persegue as persoas. Ademais, nós temos unha sociedade, ti pensa no propio cristianismo. Nácese cun pecado orixinal, nácese con culpa... Bebe moito desa circunstancia, de sentir ou non sentir culpa polas cousas que fas... polas máis graves e polas menos graves.

Tamén hai empoderamento feminino?

Pero non como algo ‘aleccionador’, algo que non soporto. Escribo sobre empoderamento feminino como algo natural, non que forzas para que pase. O natural. As dúas protagonistas centrais son dúas rapazas que de adolescentes cometen algo grave, fuxen de Galicia, marchan a Arxentina. Son dúas mulleres potentes, talentosas, famosas, millonarias. Pero está esa historia detrás. E hai dominación entre elas.

Que foi o que máis lle custou na composición desta obra?

Custoume a dureza que teñen algunhas partes. Quedei moi atrapada na historia, ata límites de estar escribindo algo terrible. Sabes que non foi certo pero é como moi real e puido pasarlle a algunha persoa.

Comenta que o libro xoga con dúas voces.

Si. Hai unha voz que é a actual, como un thriller, van pasando cousas e é moi comercial, moi actual. E logo está a parte que coñecemos das dúas mulleres moi intimista, moi literaria. Na mesma novela hai unha voz máis literaria e unha máis comercial. E pasar dunha voz a outra era como cambiar de novela. Precisaba airearme no medio. Foron moitos anos pero non parei. E logo pregúntome: para que me complico tanto? Non podería contalo dun xeito máis lineal? Pero a literatura é literatura. Está para estes xogos. Hai que aproveitar.

Que pretende con este libro?

Que me lean e se emocionen. Escribo para que me lean. Se non consigo que se emocionen ou que o vivan ou que o sintan... é un fracaso. Se escribín as cousas tan metida no texto espero que á xente lle pase o mesmo. Sei que ti escribes un libro e cada un le o seu porque cada persoa lévao ao terreo subxectivo, ás vivencias, ás cousas que lle pasaron. Teño moitas ganas de que lle guste á xente, necesítoo moito.