La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Heredeiros da Crus ficha persoal | Banda galega de rock and roll

“Menos mal que nos concertos hai vallas antipánico que se non saltábamos polo aire”

“Pasamos de ensaiar nun ‘jaliñeiro’ a aparecer nos libros de texto galegos, iso é facer historia”

Os Heredeiros da Crus, ‘cheerleaders’ de Ribeira no último Surfing the Lérez. | // RAFA VÁZQUEZ Rafa Vázquez

Nas noites de marabunta e cazalla da Compostela dos 90, os amos dos garitos non eran os Rolling Stones. En bares, coches, televisións e destartalados pisos estudiantís reinaba a música dos Heredeiros da Crus. Trinta anos despois, cunha pandemia e unha nova guerra polo medio, gran parte do imperio do rock and roll gallego continúa pertencendo aos de Ribeira: Javi Maneiro, Tuchiño Novo, Manu Rey, Fran Velo e Tonhito de Poi. Falamos cos dous últimos.

Con 30 anos de carreira, aínda poden presumir dunha das xiras máis agardadas do verán?

Heredeiros da Crus: Para nós sobre todo, pero para o público tamén. Os concertos están sendo brutais, en Esteiro impresionante, no Surfing the Lérez incrible, é todo como un volcán en erupción. O público está on fire!

A banda sonora dos estudantes de Santiago nos 90 non estaba protagonizada polos Rolling Stones, senón polos Heredeiros!

Tonhito de Poi: Nós tamén andábamos por Santiago coa xente gritando nos botellóns Quero josar! E este domingo actuamos na Quintana que é un templo do rock and roll, un espectáculo no que bautizamos á xente no rock máis irreverente de Heredeiros.

Fran Velo: Nos concertos hai desde rapaces de 15 anos a máis novos, ou xente de 50 anos para arriba. Os máis novos póñense en primeira fila e os maiores contra a mesa de son para escoitar mellor. Nótase o relevo xeracional, moitos nos escoitan desde que eran estudantes. Pasamos de ensaiar nun jaliñeiro a aparecer nos libros de texto galegos, iso é facer historia e formar parte da cultura.

O secreto do seu éxito é que a xente cante as cancións, mesmo ás veces sen entender historias como Íscalle lura?

HDC: Amosamos o que pasa no país, sobre todo co rollo mariñeiro. Pero o principal da música é que sexa universal, todo o mundo pode gozar co rock inglés e tamén co noso. Os grandes din que tes que falar de ti mesmo. Todos temos unha voz orixinal aínda que despois nos uniformemos. Íscalle lura é unha expresión moi poderosa e zen, a lura é o máis rico que podes pescar. E se a usas como carnada como di na canción, xa é algo sublime e superior. A sabiduría popular é tremenda, e nos inspiramos nela.

Teñen unha preparación física para concertos tan tremendos?

Tonhito de Poi: Congratúlame que fagas esa pregunta. Porque para desempeñar a enerxía do rock debes estar en forma. Eu son un salvaxe e nado como un animal polas noites e polo día, tírome ao mar en Castiñeiras que son un bruto e paro para descansar nas bateas... e para non morrer de hipotermia. Tamén corro descalzo polo monte, e alí fágome co microcosmos.

Fran Velo: Somos afortunados, pero tentamos coidarnos porque xa pasaron 30 anos. Non tocamos de tranquis como os indies cravados nun metro cadrado, somos moi activos no escenario. Todos os membros do grupo facemos deporte. A imaxe é o 50% no rock... ou mesmo o 80%!

Pasaron de ensaiar nun jaliñeiro a actuar ante 20.000 persoas en Castrelos. Foi demasiado rápido?

HDC: Pensas que hai unha cantidade de grupos no mundo, e ao final foi todo rápido e inesperado. A gran catapulta foi Xabarín Club e nos pillou todo de sorpresa, só podemos agradecer ao universo este privilexio. Tonhito con 17 anos xa pasou de ir ao cine con mamá a tomar chiquitos cos mariñeiros na barra americana. Pasamos de tocar enriba de samplers no Novecento a quedar marcados a lume por Xabarín Club.

Xabarín Club: a MTV galega.

HDC: Tamén estaban Yellow Pixoliñas, Caimán do Río Tea, Víctor Coyote... O do rock bravú foi unha etiqueta importante, pero nós facíamos jrunje jalejo: un rock galego máis stoniano. Temos o galego nas historias pero unha música máis acorde con AC/DC ou Aerosmith.

E o 18 de agosto chegan ás festas de María Pita na Coruña.

HDC: Tanto ese concerto como o que teremos na festa vikinga de Catoira serán como botarlle fuegho ao lume. Menos mal que nos concertos temos vallas antipánico que se non saltábamos polo aire.

Tonhito de Poi: “Teño a pedrada que recibín en Caranza enriba da cheminea do salón, como un trofeo máis”

Mención aparte na historia dos Heredeiros da Crus e tamén na historia do rock and roll merece a pedrada recibida por Tonhito de Poi nun concerto en Ferrol no ano 2000.

Co paso do tempo recorda vostede ese episodio mesmo como algo entrañable?

Tonhito de Poi: Son duros como pedras, en Caranza! Teño esa pedrada na casa, enriba da cheminea como un trofeo máis. Alí coloco o que me impresiona moito: viaxo moito pola selva e teño a cheminea como un altar. Alí poño a foto dun chamán, unha liana, a foto dos avós e a pedra de Caranza. Eu traballaba na serie Rías Baixas e tiña un contrato segundo o cal non podía ter certo deterioro físico. E recibín semellante leñazo que me cambiaba a cara, pero non quixemos denunciar. Recordo que estábamos tocando e notei como un destello, como un fogo negro e despois se acendían todas as luces e acabei no chan. O sangue na boca, non vía nada e despois mesmo unha taquicardia.

O de que se atopou no hospital cun fan médico é unha lenda urbana?

Tonhito: É certo! O médico de garda que me atendeu quería ir ao concerto de Heredeiros pero tiña que traballar. E díxome: “Ao final viñeron os Heredeiros a verme!”. E mesmo me regalou o seu traxe de médico. E cando regresamos a Caranza ao ano seguinte, porque o concerto quedara interrumpido e queríamos tocalo de novo, toquei con ese traxe de médico posto. E sobre o escenario dixen: “Quen esté libre de pecado que tire a primeira pedra, pero que non me rebente o concerto!” Ao final non deixan de ser máis que actos de amor explosivos.

E non deixa de ser un capítulo típico dunha estrela do rock .

Tonhito: Cando saes dun concerto e te increpan dislle “vamos a tomar unha cervexa”. Porque moitas veces a xente só quere facerse ver . Esa pedra de Caranza (barrio de Ferrol) é de granito e como un puño, pero ao final só é rock and roll.

“A incorrección é o éxito de todo, a semente do divino”

No outono pasado gravaron un acústico en Palexco, pero aínda promocionan o Derretidos de 2019. Prometen que esta xira será a máis forte.

HDC: Desde logo, e tocamos temas máximos como A chaqueta de lana. Bautizamos á xente, todo é forxado a lume.

A incorrección caracteriza ao rock galego?

HDC: A incorrección é o éxito de todo. Facemos edificios rectos pero a natureza non é nada recta, por iso os eucaliptos son antinaturais... e unha carballeira ten un orde cósmico. A incorrección é semente do divino. Nos acusan de non ser reivindicativos, pero a nosa reivindicación é pasalo ben: ese é o noso nicho de mercado.

Son afortunados ao vivir da súa paixón.

Tonhito de Poi: O meu avó dicía que quen traballa é porque aínda non sabe que facer coa súa vida. Non podíamos vivir sen o rock e por iso tivemos que vivir do rock.

Fran Velo: Somos conscientes do privilexio de seguir enchendo prazas tras 30 anos.

Despois dun parón, levan dez anos nesta segunda etapa.

HDC: Todo grupo ten un desgaste, e na nosa primeira etapa o desgaste foi terrorífico. E comprobamos que necesitamos proxectos en solitario para existir. Algúns traballamos na radio buscando historias de cobras que chichan o teto das vacas, outros somos guionistas. Tonhito fixo todo iso e tamén sacou tres discos, o último é In-Dios. O parón como grupo foi para coller impulso e estamos mellor que nunca.

No Surfing the Lérez vestíronse de cheerleaders.

Fran Velo: Parte do noso show está na estética, con referentes como os Rolling, David Bowie, Alice Cooper. Algunhas banda s vístense como un martes á mañá. Nós aportamos teatro. E despois temos moitas anécdotas porque as buscamos. A da canción Evangelina é real!

Compartir el artículo

stats