A vila de Noia transformarase desde hoxe nun grande escenario no que a música instrumental será protagonista. Comeza unha nova edición do único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa. O corazón da Ría da Estrela volverá acoller o Noia Harp Fest, que este ano celebra súa novena edición cun cartel conformado por artistas chegados de Escocia, Senegal, Paraguai, Bretaña, Polonia ou Galicia.

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia conta co patrocinio do Concello de Noia, coa colaboración institucional da Xunta a través do Xacobeo 21-22 e da iniciativa concertosdoxacobeo.gal, ademais do soporte de Acción Cultural Española a través do programa PICE. Noia Harp Fest (NHF) conta tamén coa colaboración de Cabaniñas do Bosque e a distribuidora dixital de música Altafonte, ademais do apoio tanto do Liceo de Noia coma da Asociación Terra de Outes.