La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Xosé Manuel del Caño | Xornalista e autor de ‘Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias’

“Fraga era intransixente nas entrevistas pero daba xogo, Líster tiña un autocontrol total”

“Deixo as preguntas duras para o final, así o entrevistado non se pecha como un bivalvo”

Xosé Manuel del Caño, nos soportais da Praza Maior de Ourense. | // FERNANDO CASANOVA

Nestes últimos días de agosto, Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias bébese como a mellor das cervexas. O libro do xornalista Xosé Manuel del Caño con Edicións Embora recopila anécdotas das súas entrevistas ás figuras máis destacadas de Galicia. Ten a escuma picante das liortas entre artistas. Suben as burbullas cos rostros dos escritores que marcaron o século XX. E queda un sabor tan familiar como os Retrincos de Castelao.

Este libro é a desmitificación dos nosos intelectuais por parte dun bibliófilo como vostede?

Non! Ramón Caride xa explica no prólogo que desmitificar é un xeito de mitificar. Amoso a fascinación que sinto tras 40 anos de convivencia con estes escritores, coas súas luces e sombras. No caso de Ferrín parece un título hostil, pero entre os seus detractores din que é para promocionalo a el. Eu envieille un exemplar cunha dedicatoria “como un disparo de afecto e magnolias”.

Non se enfadou ninguén?

Non. Recibín mensaxes de agradecemento como o de Palomares. Son relatos da intrahistoria de entresvistas que fixen, cun deixe cómico.

Tamén serve de xenealoxía da literatura galega do século XX.

O libro está cargado de afectos para os grandes autores e pintores que admiramos todos. Caride deixoume a porta aberta a un segundo libro, e xa traballo nel. Tiven como referencia os Retrincos de Castelao, onde el recoñece que de neno quixo matar por nacionalismo español a un inglés.

Decepcionoulle algún entrevistado?

Non, porque son grandes autores. E nas entrevistas é normal que algunha vez salten chispas, como pasou con Manuel María en 1990. Relato o que queda fóra das entrevistas, como cando Colmeiro se dirixía a Castelao como se estivese vivo. Ou como cando dixo que ao final da súa vida estaba queimando cadros, e recibimos unha chuvia de chamadas de xente que quería quedarse con eles.

O libro iníciase co tiro para Ferrín: unha reflexión sobre a vellez, neste caso de Ánxel Fole.

En 1986, trasladeime cunha delegación de Celanova á casa de Fole para darlle un premio. Foi entrañable pero dixo algo que non debía dicir sobre Ferrín. Fole tiña lucidez plena pero falláballe a vista e non sabía que Ferrín estaba diante del. Ese capítulo finaliza cun disparo literario entre amigos. Por certo, na asociación Amigos do Libro Galego apoiamos ao Pen Club na súa petición do Nobel para Ferrín.

Tamén retrata un xornalismo que xa morreu, de cabinas telefónicas e persoas que se deixan levar.

Pode ser que agora os entrevistados se corten máis. Aínda que tamén lembro a entrevista a un concelleiro de Ourense que non daba contido e cando me dixo a única frase que merecía a pena... pediume que non a usase de titular.

Como xornalista cultural, tivo que aprender no campo minado do ego de moitos artistas?

Pois a maior parte das entrevistas non eran a contracorrente. Eu deixo as preguntas máis duras para o final, así o entrevistado non se pecha como un bivalvo.

O entrevistado con máis autocontrol foi Líster, como bo militar?

Líster tiña un autocontrol total, con todas as precaucións ante a desintegración da URSS. Debilitábanse as súas grandes verdades e tiña unha gran responsabilidade, tras ser alto cargo nos exércitos da República, a URSS, Polonia, Iugoslavia. Era moi austero con monosílabos, sentín certa decepción de non rascar a fondo. Só lle saquei que Franco era un besugo e que gañara a guerra por outras circunstancias.

O malhumor de Fraga é unha das causas do medo de certa prensa galega ante o poder?

Fraga era moi estricto nos horarios. Fraga era intransixente nas entrevistas pero daba xogo. Para saír ben parado, con el había que empezar coas preguntas amables. A Fraga tocoulle a pedrea coa presidencia da Xunta, porque non podía chegar ao Goberno central polo seu pasado político. Pero tamén era culto e ás veces amable.

“Uxío Novoneyra tardou seis meses en escribir un poema que só dicía ‘Neva para atenuar o mundo”

Moitos intelectuais tiñan os caninos afiados. Sorprende o que dicía Colmeiro sobre Castelao.

Había unha gran rivalidade política e artística. Aínda que Castelao morrese moitos anos antes da miña entrevista a Colmeiro, quedaban brasas e moitas diferenzas. Castelao era nacionalista galego e Colmeiro un comunista de raza. Os dous eran de esquerdas e chocaban, ata o punto de que Colmeiro negaba os enormes valores de Castelao. Porque Castelao foi na práctica o presidente no exilio de Galicia, un gran pintor arruinado polo seu problema de vista. E Colmeiro non o vía así. Pero a literatura ten que ter chispa e efervescencia, porque sen elas morre.

Hai anécdotas tan saborosas como o poema máis breve do mundo a cargo de Uxío Novoneyra.

Uxío Novoneyra e Manuel María descubriron a poesía xuntos coas súas lecturas na mili, e co tempo tamén se distanciaron. Manuel María era dos máis prolíficos. Mentras a súa muller facía a cea, el podía escribir nunha semana un poemario e varias obras de teatro. Pero Novoneyra era todo o contrario: tardou seis meses en escribir un poema que lle encargamos. E o poema só dicía Neva para atenuar o mundo. A obra de Novoneyra é de pequenas xoias, pero pode lerse nunha tarde.

Tamén figuras tráxicas como a de Antón Tovar.

Un autor díxome que me metía coa vida privada de Tovar, pero eu contesteille que el xa o contaba nun libro de conversas e no seu Diario íntimo dun vello revoltado. Falo da súa anécdota sexual cunha enfermeira. Sen a vida de tormento que levou, a súa obra desaparece.

Vostede dá a razón aos que falaban de Carlos Trepares?

Carlos Casares ten luces e sombras: era un escritor brillante pero complicoulle moito a vida a Fernández del Riego a pesar de que construira Galaxia. Así o contou o propio Isaac Díaz Pardo. E algúns chamábanlle Carlos Trepares.

“A Díaz Pardo dáballe pudor pintar porque os bos estaban exiliados”

Como fixo este exercicio de memoria? Tiña todo gravado?

O episodio de Ánxel Fole estaba gravado na miña memoria como esculpido en pedra. Ou o de Colmeiro sobre Castelao. Outros parten de notas básicas que tiña gardadas. No xornalismo importa o principio, pero no relato literario o final. Por certo, o meu pai morreu hai un ano. E a miña nai volveu a ler grazas a este libro, porque estaba moi preocupada polo título.

Só aparecen dúas mulleres: as irmás Pura e Dora Vázquez. Símbolo dun mundo pasado no que as mulleres non podían vivir a aventura da literatura?

Efectivamente, tiven grandes amigas como Luz Pozo Garza e Xohana Torres. No segundo libro que continuará a colección de relatos Fisterra, o 50% dos autores xa son mulleres.

Afonda na orixe rural de Palomares, Reigosa...

Alfonso S. Palomares agradeceu o contraste entre a súa orixe humilde e a súa traxectoria como presidente de EFE. Carlos G. Reigosa, director de informacións de EFE, usou a técnica dos seus familiares zoqueiros para facer novelas.

Nun mundo de tantos egos como o da cultura, destaca aínda máis a humildade de Isaac Díaz Pardo.

El dicía que non tiña mérito ningún, que estaba nunha empresa limpando merdas e temperando gaitas. Para Agustín Sixto Seco, Díaz Pardo era como unha muller que servía nunha casa e que dicía “eu son ninguén de ningures”. O mesmo Díaz Pardo deixou de pintar porque lle daba pudor ter tanto éxito e adicouse á cerámica. Dáballe pudor adicarse á pintura porque os bos estaban exiliados, como Castelao. Matáronlle ao pai por facer carteis da autonomía de Galicia. Non tivo resentimento e adicou as Edicións do Castro a facer memoria histórica.

Compartir el artículo

stats