La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

“Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén”

Editorial Galaxia inclúe na colección Lectura Fácil dous clásicos de Neira Vilas, para persoas con dificultades lectoras

Xosé Neira Vilas en La Habana en 1991, cun escudo de Rosalía de Castro e foto do Che ao fondo. // DELMI ÁLVAREZ

No Panteón dos escritores galegos máis queridos, ocupa un lugar destacadísimo Xosé Neira Vilas. O máis traducido dos nosos autores, mesmo ao esperanto, o creador do libro máis vendido da literatura galega. O home que anotou liñas memorizadas por miles de persoas: “Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Como quen di, un ninguén”.Agora Galaxia edita as súas obras máis famosas na colección Lectura Fácil. Como explica Francisco Castro, director da editorial, este catálogo “coloca á literatura galega ao alcance das persoas que necesitan certo apoio na lectura, nunha redacción estandarizada con frases máis sinxelas, palabras menos complexas”. E da obra de Neira Vilas publícanse Memorias dun neno labrego e Espantallo amigo.

Portada de 'Espantallo amigo' con debuxos de Xaquín Marín.   // GALAXIA

Portada de 'Espantallo amigo' con debuxos de Xaquín Marín. // GALAXIA

Memorias... foi adaptada por Lucía Gómez Álvarez , e Espantallo amigo por Désirée Silva Bernárdez con ilustracións de Xaquín Marín. Esa Lectura Fácil adícase a persoas con dificultades lectoras, nenos e tamén xente que está aprendendo galego. Os libros inclúen explicacións das verbas máis difíciles, interliñados medidos e axuste á esquerda. Segundo indica Francisco Castro a este diario, “entre os valores de Galaxia está un apoio moi claro á integración da discapacidade a través da edición”. Pero estes libros “poden ser lidos por todo o mundo, porque a esencia de Neira Vilas non se toca”.

Portada de ‘Memorias dun neno labrego'.   // GALAXIA

Portada de ‘Memorias dun neno labrego'. // GALAXIA

Ata agora esa colección só publicara 20.000 leguas baixo dos mares de Jules Verne: “Un clásico da literatura universal e agora pasamos a un clásico galego, ao noso libro máis traducido e que por fin ten unha adaptación deste tipo”. A saída coincide co inicio do curso escolar. “É algo buscado por nós, para ese momento no que moitas familias regresan á normalidade das librarías... e para que os profesores coñezan estes materiais”.

Memorias dun neno labrego axuda aos máis novos a coñecer a historia dos seus avós. Segundo Francisco Castro, “fala dunha Galicia que dalgún xeito xa non existe, onde todo era contacto coa natureza, unha viaxe no tempo”. Espantallo amigo ten o plus dos debuxos de Xaquín Marín, “cunha xenerosidade extrema entusiasmouse como un cativo”.

Galaxia presume de ser “a editorial galega con máis novidades ao ano, 125 en 2021 e por aí andamos en 2022”. De aquí a finais de ano publicará Quen non ten un avó fascista? de Inma López Silva: “Autoficción na que investiga sobre o seu avó paterno, alcalde durante 30 anos no réxime fascista pero tamén mestre totalmente apartado desa ideoloxía”. Ademáis, editará Maternidades virtuosas de María do Cebreiro, a última de Antón Riveiro Coello, a de Lois Diéguez, un novo caso policial de Miguel Anxo Fernández, “e o nacemento da colección Heterodoxos coas poéticas Enser de Marcos Lorenzo e Espiderman de Lúa Mosquetera”.

Compartir el artículo

stats