La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

O escritor santiagués Alberto Ramos gaña o Premio Narrativa Breve de Repsol

O xurado elixe a obra ‘Os corpos de Romanov. Matthias Lentz’ na que, segundo o autor, teñen “un peso importante a cuestión da cidade e a ruptura da rutina”

O escritor Alberto Ramos. Sabela Iglesias

O escritor e xornalista santiagués Alberto Ramos é o gañador da XVI edición do Premio Narrativa Breve de Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou onte a portavoz do xurado, Diana Varela, na sede da Real Academia Galega (RAG) na Coruña.

O autor conquistou ao xurado coa súa obra Os corpos de Romanov. Matthias Lentz, ambientada na cidade de Augsburgo, en Alemaña. “A historia ocorre no Nadal de 2016, cando a cidade foi evacuada porque apareceu unha bomba da Segunda Guerra Mundial que nunca detonou. As autoridades decidiron evacuar para desactivala. Creamos unha historia de personaxes con ese pano de fondo que se interrelacionan e cruzan as súas vidas. Hai unha mestura entre pasado e presente”, expón o escritor, quen publicou as novelas Dor Pantasma (2006); Con acuse de recibo (2010); Todos os días (2013); Máscaras Rotas para Sebastián Nell (2014); e A simetría das bestas (2018).

Segundo o xurado, a obra gañadora deste galardón é “unha novela escrita cun estilo de gran precisión, onde salienta a presenza dun narrador solidario que apela á conciencia de quen le, e na cal destaca igualmente a acaída engrenaxe das diversas tramas, que encaixan milimetricamente como as pezas dun reloxo”. “Unha historia na que o azar das relacións humanas xunta unha serie de personaxes solidamente construídos, que viven e soñan en Augsburgo e noutras cidades alemás, e nos que se reflicten as inquedanzas e os traumas individuais e colectivos do pasado”, comentou Diana Varela.

O autor recoñece que “as relacións persoais son elementos fundamentais desta obra, como da vida mesma, sobre todo como nos relacionamos nos ámbitos da vida e nun espazo concreto”. Sen chegar a spoilers, Alberto Ramos confesa que no libro teñen “un peso importante a cuestión da cidade, a ruptura da rutina e a cidade baleira”.

De feito, para o autor é curioso que ese gran baleiro chegou tamén coa COVID. “ Empecei a escribir a historia antes da pandemia e logo vimos o que eran as cidades baleiras. Nesta historia de Augsburgo non hai un drama nin mortes. Todo saíu ben. Pero ao ser en Nadal, si é unha cousa un pouco pintoresca”, sinala.

Gañador de máis premios, o galardón de Repsol, creado no 2006, é para Ramos “unha satisfacción” xa que dedicou cinco anos a elaboración di libro. “Os galardóns son sempre importantes para a difusión, a visibilidade e a dotación económica”, declara. Os corpos de Romanov. Matthias Lentz foi elixida entre 28 obras orixinais e inéditas. A entrega do premio será na Coruña antes de final de ano, segundo informa Repsol.

Compartir el artículo

stats