O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, cualificou as instalacións do novo Centro de Innovación Educativa Dixital como “un punto de inflexión para a educación na nosa Comunidade en termos de metodoloxía escolar e de emprego de novos recursos didácticos”. Un centro que irá un paso por diante no cambio metodolóxico, para reforzar a posición de Galicia á vangarda do sistema educativo e o núcleo dende o que deseñar as mellores ofertas educativas para todo o profesorado galego. O centro analizará as tendencias educativas, identificará as necesidades pedagóxicas do sistema e ofrecerá solucións innovadoras ao respecto. En resumo, funcionará como un catalizador de innovación pedagóxica, o órgano encargado de identificar, diagnosticar e obter conclusións sobre a realidade educativa e de transferilas aos mestres, en beneficio de todo o alumnado.

O centro será, ademais, a pedra angular da formación docente no que se refire ao cambio metodolóxico, potenciando o desenvolvemento das competencias profesionais docentes mediante a posta en práctica de actividades e programas formativos, ámbito no que colaborará de forma estreita coa Rede de Formación do Profesorado. Neste sentido, nel formaranse formadores de docentes que despois prestarán servizo en dita rede.

Situado no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, a súa posta en funcionamento redundará na modernización do sistema educativo e na mellora da cualificación do profesorado.