A Xunta vén de abrir a convocatoria para o desenvolvemento de Clubes de Lectura nos centros escolares galegos, ben para a súa implantación por primeira vez ou ben para a continuidade deste programa nas etapas de Primaria (que se abriu por primeira vez o pasado curso) e de Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial.

Esta iniciativa, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades no marco do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2021-2025, conta un orzamento de 400.000 euros destinados, principalmente, a sufragar a adquisición de libros para as actividades do club, que posteriormente pasarán a formar parte dos fondos da biblioteca escolar, así como para outros gastos de funcionamento. O obxectivo destes clubes —que o pasado curso chegaron a 346 centros públicos e contaron con máis 12.000 participantes— é promover e consolidar os hábitos lectores e as competencias básicas do alumnado (comunicación lingüística, competencia social, cultural, artística...). Este tipo de iniciativas contribúen a que Galicia estea nos postos de cabeza dos resultados en competencia lectora, tal e como corrobora o último informe PISA. Os alumnos galegos obtiveron un total de 494 puntos en lectura, 17 puntos por riba do promedio de España, sete por riba do da OCDE e cinco por riba da Unión Europea.

Poñer en marcha un club de lectura nun centro educativo consiste, basicamente, en promover a participación dun grupo de alumnado para compartir as súas experiencias lectoras, coa mediación dun adulto que conduza todo o proceso.

Normalmente estes clubEs de lectura —cuxo espazo natural son as bibliotecas escolares— vense enriquecidos polo emprego das tecnoloxías da información e a comunicación (que contribúen á lectura en diversos soportes, permiten introducir as narrativas transmedia e facilitan a difusión de actividades), así como pola participación de adultos da comunidade educativa que propician o intercambio de experiencias interxeracionais.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto todo o mes de outubro. Poderán solicitar participar neste programa os centros que inclúan un club de lectura na programación de actividades ou conten con profesorado que pretenda poñelo en marcha con alumnado.