La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Marilar Aleixandre Escritora, Premio Nacional de Narrativa 2022 por ‘As malas mulleres’

“En Galicia estase a facer literatura de moi boa calidade e isto é motivo de ledicia”

“Hai moitas mulleres moi importantes para a Galicia do século XIX que son esquecidas”

Marilar Aleixandre. | // XOÁN ÁLVAREZ

Marilar Aleixandre foi galardoada co Premio Nacional de Narrativa pola súa obra As malas mulleres (Galaxia), un traballo que a convertiu na novena narradora que gaña este recoñecemento desde a súa creación, en 1924. O xurado destacou a súa obra pola “súa orixinal estrutura híbrida que a converte nunha singular novela histórica sobre a situación carceraria das mulleres no século XIX” mentras que “pón o acento nas desigualdades á vez que ofrece unha mirada esperanzadora: a capacidade de resiliencia e emancipación do ser humano, destacando a importancia da sororidade e do compromiso cos demáis”. Subliña, ademais, que a novela “recupera a memoria dunha forma brillante en diálogo coa tradición literaria”. As malas mulleres gañou anteriormente o Premio Branco Amor.

O confinamento non foi unha etapa de todo mala para vostede: escribiu unha novela que gañou primeiro o Premio Branco Amor e agora o Premio Nacional de Narrativa...

Non sempre é fácil. As novelas hai que facelas todo seguido. Para min, polo menos, se as interrumpo despois é como volver empezar, pero neste caso houbo unha parte grande que foi escrita de seguido porque estabamos encerrados na casa.

Este recoñocemento recae ademais nunha novela escrita en galego aínda que o ano pasado tamén lle foi concedido a outra obra en lingua galega: o Nacional de Poesía Xoven Miguel Hernández 2022 tamén foi para unha obra en galego, Lixeiro, de Ismael Ramos, e Ledicia Costas é a primera escritora (e escritor) que gaña tres veces o Lazarillo de Tormes. Que está a pasar coa literatura galega?

É certo. Estamos recuncando. Creo que en Galicia se está a facer literatura de moi boa calidade e isto é un motivo de ledicia. A proba está en tantos premios nacionais e o éxito de lectores e lectoras porque Ledicia Costas, ademais dos premios, é unha muller que ten un enorme éxito entre a xente nova. O que temos que mirar, porque está en risco, é a lingua galega. Hai que redobrar a nosa atención para que o galego teña un proceso de transmisión xeracional, que neste momento está descendendo. E isto require esforzos combinados.

E as mulleres escritoras tamén están a copar cada vez máis premios, aínda que non están tan representadas nas academias...

Bo. A RAG é a academia na que estamos máis mulleres. Agora somos nove de trinta académicos. Non hai ningunha academia na que teñamos esta representación. Creo que desde algunhas entidades se está a facer un esforzo. Somos a metade da poboación, polo que tampouco sería tan raro que houbese máis premios para mulleres e máis académicas. Con todo, na lista do Premio Nacional de Narrativa, por exemplo, non hai moitas mulleres. Neste momento hai narradoras que están a facer unha narrativa extraordinaria e que merecerían tamén este premio. Sendo as mulleres as que máis narrativa len, segundo as estatísticas, é curioso que ata hai pouco nas obras colectivas as mulleres narradoras eramos contadas cos dedos da man.

Quen son esas malas mulleres da novela?

As malas mulleres son as presas do cárcere A Galera da Coruña, onde estivo de visitadora Concepción Arenal entre 1863 e 1865. Cando lin esta historia na biografía que fixo Anna Caballé pareceume increíble que non se soubera nada dese cárcere en Galicia. O termo utilízao sor Magdalena de San Jerónimo, que no S. XVII dille ao rei que, do mesmo xeito que para os homes delincuentes, tería que haber galeras, cárceres, para as malas mulleres. O problema é que dos cárceres sábese pouco e dos de mulleres nada. Cando decidín escribir a novela e busquei documentación descubrín un pozo de desmemoria tremendo. O único que localicei foron as memorias sociais da Magdalena, unha sociedade que montaron Concepción Arenal e Juana de Vega para poder ensinar a ler ás presas para mellorar as súas vidas cando saísen do cárcere, mentres as deixaron, claro, porque acabaron botándoas. Grazas a estas memorias sabemos as condicións durísimas nas que vivían estas 300 mulleres, das que descoñecemos os seus nomes menos o dunha: Pepa Loba, porque está nunha carta que Arenal lle escribe a un amigo. De modo que non tiven máis remedio que metela na novela. Probablemente, aínda que non podemos sabelo porque non hai documentación, esas mulleres estivesen alí por delitos menores, non por ser asasinas en serie.

Non interesaba que as alfabetizaran?

Nesa época a maioría da xente non sabía ler, pero as mulleres moito menos porque sempre houbo unha diferenza grande entre o número de homes que aprendían a ler e o de mulleres. Se pensas que escribir lles daba autonomía ás mulleres non é difícil de entender que hubera xente que se opuxera. Hoxe hai aínda países como Afganistán que lles prohíben ás nenas ir á escola... Hai mulleres que tiveron un papel importantísimo na Galicia do XIX e incluso algunhas foron coñecidas fóra como Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro. Pero outras, como De Vega, que están esquecidas ou non son o suficientemente coñecidas. Pero nós estamos aquí por elas. Eu podo escribir porque elas escribiron antes. Eu puiden ir á universidade porque Emilia Pardo Bazán estaba en 1910 no ministerio e saíu un decreto que permitiu ás mulleres non só acceder á universidade, senón tamén á secundaria.

A desmemoria é o noso gran mal?

Sen dúbida. Agora estou con outra novela sobre unha historia familiar que ten que ver coa posguerra e vexo que a xente prefire esquecer o que pasou porque son historias moi duras. Eu creo que cos cárceres pasa igual porque, ademáis, son o exemplo dun fracaso social, demostran que houbo algo que non funcionou.

Hai espazo para a esperanza nesta historia?

A xente que a leu o primeiro que me di é que é durísima. Claro, empeza cunha nena de 15 anos que a acaban de meter no cárcere por vender o seu corpo para poder sobrevivir. Pero creo que si que hai un camiño de esperanza.

É difícil escribir unha novela histórica sen datos, aínda que tamén brinda moitas posibilidades, desde o punto de vista da creatividade, non?

As novelas non teñen que ser verdade; o que teñen que ser son verosímiles, que o lector diga: isto puido ocorrer.

Compartir el artículo

stats