La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

María Antonia Dans, un raio de maxia

Cúmprense cen anos do nacemento da pintora que inmortalizou ás mulleres do rural galego, amiga de Cela e Martín Gaite: “Se fose un home, os meus cadros valerían o dobre”

A obra 'Rapaza vestida de novia' de María Antonia Dans María Antonia Dans

Polo bosque encantado galego avanzan as noivas de María Antonia Dans. Con brazadas de flores e promesas, algunhas recén vestidas de branco. Outras xa no banquete, sentadas xunto ao compañeiro... con certa tristura. As mulleres do rural galego enchen de emoción a obra desta pintora (Oza dos Ríos 1922-Madrid 1988). Rapazas que venden froita, unha sesta ao pé das árbores, a súa filla Rosalía (actriz en Los gozos y las sombras)... No centenario do seu nacemento, o Consello da Cultura Galega analiza este mércores a súa figura no ciclo Revisando a nosa arte. Entre os participantes atópase a catedrática de Historia e Teoría da Arte Contemporánea da Universidade Complutense de Madrid, a investigadora Carmen Pena, que reflexiona: “Ela ten conciencia feminista desde o primeiro momento, e protesta cando os críticos lle din que pinta tan ben como un home”.

Unha imaxe da pintora María Antonia Dans. | // LA OPINIÓN

María Antonia Dans diría: “Se fose un home, os meus cadros valerían o dobre”. Lois Alcayde Dans, sobriño neto da pintora ademais de xornalista e escritor, fala dunha “historia de mulleres independentes, na familia de Madeiras Dans (empresa fundada polo meu bisavó en 1925, que quixo que as súas fillas estudaran ata formar unha saga de farmacéuticas e artistas)”. Lois Alcayde debuxa un perfil de “muller alegre e de carácter efervescente, que regalaba moitos cadros e que viviu un romance co agregado da embaixada norteamericana en Madrid... antes de casar con Celso Collazo”.

Rosalía Dans, filla de María Antonia, ante un dos seus retratos Víctor Echave

Na casa familiar de Curtis, as irmáns presenciaban “como se enfadaba cos cadros, ela vivía do seu traballo nun tempo onde ser muller e pintar era moi difícil”. Amiga de Carmen Martín Gaite e Camilo José Cela, con quen compartía un humor peculiar, María Antonia Dans “era unha artista sincretista moderna pero non vangardista, que traballaba cunha paisaxe emocional no sentido dunha emoción moi intensa en torno á súa infancia”, apunta Carmen Pena.

‘Mujer durmiendo’, outra das icónicas pezas | // MARÍA ANTONIA DANS patricia hermida

Esta investigadora incide “no seu cromatismo para unha paisaxe máxica e irreal, inspirada en Chagall nos azuis soñados, en Van Gogh, os vangardistas alemanes, a Escola de Madrid con Benjamín Palencia”. Moi recoñecida na súa época e con premios como o da Villa de París, “pero sempre dixo que cobraba menos que un home e a súa promoción nos últimos anos foi mínima”, segundo Carmen Pena. A maxia que non cesa da súa obra segue viva nas mulleres inmortais de Dans.

Un día de campo en cores douradas

Lois Alcayde Dans, o seu sobriño neto, mergullarase na xornada de hoxe “nunha obra que tamén ten as cores de Klimt, os dourados... un campo moi atraente e vivo”. E recalca a importancia da figura feminina nos seus cadros: “As mulleres sen nome construén un país, ela era unha muller moi firme nun ecosistema de cores”. Os seus días de campo “non eran unha copia bucólica senón unha análise profunda das formas e o impacto da luz”. O rural de Dans aparece así, segundo Lois Alcayde, “inscrito na tradición europea, nada conservadora”. El mesmo, nos ratos libres que lle deixa a profesión, traballa en dixitalizar o seu arquivo fotográfico. E recorda que “as súas irmás foron farmacéuticas porque non lles deixaban ser médicas, e porque ter propiedades dá independencia”.

Carmen Pena incide na súa obra “tan representativa dos anos 60 e 70, ela cambiou o modo de ver Galicia, rompeu co costumismo, conectou coas primeiras vangardas e coa modernización da paisaxe europea”.

Compartir el artículo

stats