La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

A capital do teatro chámase FIOT de Carballo

A traca final chega esta fin de semana: Juan Mayorga, Blanca Portillo, Pablo Messiez e o despacho do alcalde

'Silencio', de Juan Mayorga con Blanca Portillo, chega este domingo Javier Mantrana

Londres ten o seu Globe, o teatro clásico renace cada verán en Mérida... pero o FIOT de Carballo xa é a capital das escenificacións máis modernas na Península. Basta con botar unha ollada ao cartel desta fin de semana: auténtica traca final para un mes de estreas e performances. O sábado é a primeira parada da xira de La voluntad de creer de Pablo Messiez, auténtica sensación no teatro español. O domingo chega Silencio: outra obra magna de Juan Mayorga protagonizada por Blanca Portillo, sobran as palabras. E o luns, o Festival Internacional Outono de Teatro pecha con outra peza recén nacida: Recortes, caneos e outras formas de driblar, dirixida por Tito Asorey e con Xosé A. Touriñán. Cal é o segredo deste éxito? Responde Carmen Castro, directora artística do FIOT: “Temos moito interese en estar ao día e traer o mellor que se fai en Galicia e no resto de España, con propostas de gran calidade e 31 anos de historia”.

Patricia de Lorenzo, dereita, na Escola do Espectador nas Ondas. | // VANESSA RÁBADE Vanessa Rábade

Sobre a cuarta parede salta constantemente este certame, a través de obras na rúa, conferencias performativas e mesmo representacións no despacho do propio alcalde (Evencio Ferrero). Explica Carmen Castro, tamén técnica municipal de Cultura, que “unha característica do FIOT é que non só lle interesa a exhibición de espectáculos senón tamén outras actividades para que se acheguen público e compañías, como exposicions ou a Escola do Espectador”.

Touriñán con Camilo Franco nas ondas do FIOT. | // VANESSA RÁBADE

Esta última incorpora este ano a Escola do Espectador nas Ondas, que se transforma nun podcast dispoñible ao día seguinte da súa realización como o xa gravado entre Camilo Franco, Tito Asorey, Touriñán, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. “Serve de encontro entre compañías, espectadores, especialistas como xornalistas culturais”, apunta a directora artística. Enmárcase na iniciativa dixital Onda FIOT, que tamén inclúe o Concurso de Teatro Lido ou o FIOT Sónico (co seguinte lema: “Imaxinas percorrer Carballo á vez que gozas dunha obra de teatro agochada no teu peto?”).

A organización busca unha programación que viaxe máis alá do convencional, “con compañías que teñan outro concepto do público”. Precisamente, este venres represéntase Pequenas mentiras para contar verdades do Grupo Chévere (Patricia de Lorenzo). E o sábado chega outra das salsas: o ciclo Metro Cadrado que cada ano visita espazos máis que sorprendentes. En diversos horarios representaranse as obras Actriz, chora (Cacharela Teatro) na sala de reunións da empresa Atener Solucións Técnicas, e Viaxar é un pracer (Assircópatas)no propio despacho do alcalde.

O requisito dese Metro Cadrado, que tamén é un concurso, pasa por asistir como espectador “a curta distancia dos artistas e usar zonas non convencionais, como un comercio”. E así lógrase o soño de “transformar todo Carballo nun espazo teatral”, á vez que se ironiza na toma dos ámbitos de poder. Este Metro Cadrado cumpre precisamente seis anos, e noutras ocasións usou o salón de plenos e mesmo na pandemia fixéronse obras de teatro desde xanelas de edificios. A directora artística do FIOT afirma que “este ano recibimos 40 propostas de compañías emerxentes, pero só se podían seleccionar seis... por exemplo, Viaxar é un pracer está dirixida por Antón Concheiro, gañador o pasado ano do concurso”.

Desde o 30 de setembro, xa pasaron por Carballo nada menos que Leo Bassi, Mofa e Befa, Quico Cadaval e Chusa Pérez, entre outros. A organización destaca que “dos 39 espectáculos oito son estreas absolutas e nove estreas en Galicia”. Na programación paralela, a Rúa dos Contos chegou á 23 edición cun paseo por locais de hostalería e o mercado. E o FIOT tamén quixo homenaxear a unha das súas figuras máis representativas: o desaparecido Pedro Brandariz. Carmen Castro recorda que “estivo en cada FIOT mesmo desde antes de iniciar a súa carreira,empezou no concurso de monólogos, incorporouse á animación na rúa e os seus amigos adicáronlle a gala desta edición”.

Compartir el artículo

stats