La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

A Parroquia do Alén chama ás nosas portas

O antropólogo Rafael Quintía dá as claves de Todos os Santos e Defuntos en Galicia

Unha muller limpa as lápidas da familia nun cemiterio galego, estes días. | // ELISEO TRIGO / EFE

Non hai tanto, os velorios celebrábanse co féretro aberto. E os nenos dábanlle un bico ao avó morto. Eses vínculos entre vivos e defuntos semellan desfacerse como o tempo entre os dedos. Pero paradoxalmente, proliferan festas do terror con menores disfrazados “de psycho killers en Texas”. Certero como un raio nos días de Todos os Santos e Defuntos, o antropólogo Rafael Quintía (vicepresidente da Asociación Galega de Antropoloxía) recorda que “a nosa cultura ten un forte vínculo coa morte, que perdemos nas últimas décadas”.

Castañeiras no ano 1988. | // MAGAR patricia hermida

Desde épocas inmemoriales, a relación entre vivos e “a Parroquia do Alén é de colaboración, pedimos axuda para que os familiares intercedan por nós... pero tamén as ánimas que agardan no purgatorio nos necesitan”. Apunta Quintía como “as relixións do mundo baséanse nesa cultura da morte, a nosa sociedade agraria tamén convivía con naturalidade con ela e así tíñamos ferramentas para afrontar o tránsito”.

Se renunciamos a eses mecanismos, “convertimos algo natural nun trauma”. A guadaña asoma nos cruceiros, “nas festas que se celebran ao lado dos cemiterios para que convivan defuntos con vivos, nunha proximidade que axuda a ser máis responsable”. Por iso, Rafael Quintía observa “o sen sentido de evitar que os nenos se traumaticen por ir a un funeral cando ao mesmo tempo andan disfrazados de psycho killers nunha banalización da violencia”.

Afirma o antropólogo que os termos axeitados para este ciclo en Galicia son o Día de Todos os Santos, Defuntos e magosto. “Ao igual que en Halloween (inglés) e Samaín (gaélico), estamos no tempo onde os ancestros veñen a visitarnos; pero chega a visitarnos o noso avó e non un psicópata con motoserra de Texas”, apunta. E engade que “as bruxas son de San Xoán e San Silvestre”.

Ritos galegos que se manteñen coas décadas son os calacús (cabazas), o magosto, ou pedir doces polas casas (“xa desde o século XVII”). Insiste Quintía en que “non ten sentido usar Samaín (de 2.000 anos de antiguedade) porque despois chegou o cristianismo e temos moitos máis ritos”. Todos os Santos procede do século IX, Defuntos do XI, o purgatorio do XIII: “E cando comemos castañas axudamos a liberar as ánimas do purgatorio, cando estala unha castaña no lume é unha alma liberada... e as veas de aceite no cemiterio guían ás ánimas no camiño ao Máis Alá”.

Pantasmas desde o Pórtico da Gloria

Galicia, quilómetro cero. Na catedral de Santiago, o Pórtico da Gloria ábrese como “as portas do Alén”. Así o explica Rafael Quintía, en alusión ao gran impacto da morte en todas as manifestacións culturais galegas. “É unha das compoñentes máis importantes da nosa cultura e da nosa cosmovisión, desde hai miles de anos preguntámonos que pasa no Máis Alá... e por iso os nosos primeiros monumentos son as mámoas, que están destinadas á morte e a perdurar”, indica o antropólogo.

Relatos da morte aparecen nos grandes escritores “como Castelao, Valle-Inclán, Vicente Risco, Otero Pedrayo e Cunqueiro”. E un movemento pictórico característico é “o romanticismo, con paisaxes e ruínas”.

Compartir el artículo

stats