A Xunta de Galicia impulsa máis de 40 actividades para celebrar este novembro o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas da rede pública da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, así como nas bibliotecas escolares. O obxectivo desta iniciativa, que se desenvolverá ata o 30 deste mes, é sensibilizar os máis novos sobre a necesidade de usar o galego na literatura científica.

A Biblioteca de Galicia, así como as bibliotecas públicas Miguel Ángel Garcés da Coruña; de Lugo; Nós, de Ourense; Antonio Odriozola, de Pontevedra; Ánxel Casal, de Santiago, e Juan Compañel, de Vigo, acollerán ata 44 actividades de divulgación científica como obradoiros de robótica, sobre científicas galegas ou mesmo de experimentos; contacontos, charlas e mostras bibliográficas. 

Ao mesmo tempo, as bibliotecas escolares tamén se unen a esta celebración promovendo o desenvolvemento diversas iniciativas relacionadas coa ciencia. Nesta liña, o Portal Educativo mantén un espazo cunha selección de materiais sobre ciencia en galego, así como maletas viaxeiras que poden utilizar os centros de xeito temporal con temáticas arredor dos diferentes eidos científicos para o goce dos seus alumnos.

Desde a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universiades mantense, ademais, unha selección de libros de divulgación científica en galego como apoio ao alumnado nos seus traballos de investigación. A isto súmaselle o proxecto Biblioteca Creativa, enmarcado no Plan Lía (Lectura, Información, Aprendizaxe), a prol da introdución dun espazo de creación e experimentación na biblioteca escolar.

Os Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) tecen sinerxías cos equipos de biblioteca e cos departamentos co fin de conseguir que o alumnado descubra, coñeza e divulgue a ciencia en galego. 

Deste xeito, ademais de realizar experimentos, xogos, investigacións, conferencias, debates ou proxectos relacionados con esta temática, estes recóllense en vídeos, podcasts, titoriais, aplicacións, presentacións ou revistas dixitais que se difunden a través de internet e das redes sociais e que poden consultarse no Portal da Lingua Galega.