A Xunta vén de recoñecer o traballo de 20 estudantes de centros educativos galegos cos Premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico correspondentes ao curso 2021/2022.

O listado de premiados, a razón de 11 de centros da provincia da Coruña, catro de Pontevedra, tres de Lugo e dous de Ourense, pode consultarse no Diario Oficial de Galicia, que publica a resolución destes galardóns co obxectivo de dar visibilidade pública ao esforzo e dedicación do alumnado que cursou esta etapa educativa cun excelente aproveitamento.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade dota cada un destes premios cun galardón de 1.000 euros, cun incremento de 200 euros (un 25% máis) con respecto á convocatoria do ano pasado. Ademais, cada persoa galardoada recibirá un diploma acreditativo e a distinción será anotada no seu expediente académico.

Os premios son compatibles, así mesmo, con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedidos por algunha administración pública competente ou calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismos internacionais.

Puido acceder a esta convocatoria o alumnado que cursase o pasado ano académico o cuarto curso da Educación Secundaria Obrigatoria e que obtivese no conxunto da etapa unha nota media igual ou superior a nove puntos. Os presentados deberon, así mesmo, realizar unha proba específica.

Os estudantes premiados son: Rosalía Bernárdez Riopedre, do IES Leiras Pulpeiro; Miguel Bouzas Rodríguez, do IES Gonzalo Torrente Ballester; Alejandro Cabo Iglesias, do CPR Plurilingüe Amor de Dios; Ariadna Cambeiro Pérez, do CPR Plurilingüe Divino Maestro; Guillermo Castelló López, do IES Plurilingüe Rosalía de Castro; Lucía Castrillo Sánchez, do IES Soutomaior; Iria Castro Díaz, do IES Lucus Augusti; Juan Cruz Bello, do CPR Manuel Peleteiro; Daniel Fariña Outeiro, do IES Urbano Lugrís; Raquel Freire Fernández, do IES As Lagoas; Martín Freire González, do IES Chan do Monte; Carlota Lago García, do CPR Plurilingüe Santa María del Mar; Andrés Lago Leis, do CPR Manuel Peleteiro; Sofía Martínez Diz-Lois, do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda; Julia Méndez Núñez, do IES Lucus Augusti; Paula Prieto Carreira, do CPR Plurilingüe Santo Ángel; Marta Rodríguez González, do IES Salvador de Madariaga; Martín Teo Rey, do CPR Manuel Peleteiro, centro no que tamén estudan Rubén Touriño Alonso e Isabel Villar García. Todos eles foron premiados polo seu traballo e esforzo ao longo do curso pasado.