La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

O proceso de desgaleguización acelérase nas actividades extraescolares e de conciliación

Un estudio pioneiro da RAG di que na comarca de Santiago o galego só se usa no 18,6% das artísticas e no 12,9% das deportivas | Avanza que os datos na Coruña e Vigo “serán peores”

Nenos nun xogo de extraescolares. | // REAL ACADEMIA GALEGA

En Galicia faltan estudos exhaustivos sobre o uso do galego por parte de nenos a partir de tres anos en ámbitos de socialización: non só na escola e na familia, senón tamén no parque ou nas actividades da tarde. Pero agora a Real Academia Galega dá un primeiro paso ao presentar un informe pioneiro: Prácticas lingüísticas na infancia. A xestión lingüística nos primeiros contextos de socialización. A conclusión é que o proceso de desgaleguización tamén se acelera nas extraescolares e outras actividades de conciliación (comedores, almorzos, campamentos).

Víctor F. Freixanes, Xaquín Loredo, Ignacio Iglesias, Escarlata Pampín e David Santomil. | // CONCELLO AMES

A análise fíxose na comarca de Santiago, unha das de maior uso do idioma propio de Galicia. Alí confirmouse que o galego só se usa no 18,6% das actividades artísticas e no 12,9% das deportivas. Nas académicas (moitas veces vinculadas aos idiomas), o uso é do 6%. Segundo Xaquín Loredo, coautor do estudo (xunto con Henrique Monteagudo, Gaino S. Vázquez Grandío e Anik Nandi) e técnico do Seminario de Sociolingüistica da RAG, “temos pensado trasladar a investigación a outras comarcas galegas, xa hai peticións de concellos e centros educativos”. E xa adianta que “os datos da Coruña e Vigo serán peores, porque Santiago é máis favorable ao galego”.

No caso de Lugo, “podería vivir unha situación semellante á de Santiago, Ourense quedaría a medio camiño entre Compostela e Vigo”. En Ferrol a situación agravaríase polo despoboamento. E Pontevedra “tería a administración local a favor, pero con parte da sociedade non tanto”.

De momento, o estudo confirma que “en Galicia a desgaleguización é cada vez maior na xente nova, pero xa desde que os rapaces saen da casa en Infantil”. Sinala Loredo a “aceleración do cambio ao castelán mesmo en nenos de familias galegofalantes, os nenos tenden a imitar o seu entorno “. Solución? “É un tema moi complexo, pero os profesionais do sector deben concienciarse máis sobre a importancia da lingua”, conclúen na RAG.

Por que os novos abandonan o idioma?

A investigación, desenvolvida co apoio da Deputación da Coruña, foi elaborada polo Seminario de Sociolingüística. A Real Academia Galega busca “afondar na análise dos elementos que inflúen no abandono do galego das novas xeracións”. En concreto, o último estudo “confirma a importancia dos centros educativos, non só na súa faceta pedagóxica senón tamén como primeiro contacto coa vida fóra da familia e na relación con outros nenos”. Presentado no concello de Ames, amosa a socialización máis alá das aulas onde participan “o monitorado de tempo libre, o asociacionismo, a administración local... un ámbito que nunca se estudou ao detalle ata agora”.

Conciencia no monitorado do 45,7%

O informe apunta que o 45,7% do monitorado en Galicia aposta polo uso do galego, a partir dun informe sociolingüístico de 2018. Pero un dos coautores do traballo para a RAG, Xaquín Loredo, aclara que “hai monitores que entran na actividade falando en galego e minutos despois inconscientemente pasan ao castelán, hai unha idea moi difusa da política lingüística e ao final os nenos funcionan por imitación”. Tamén o uso da lingua depende de quen imparte a actividade. Nas artísticas, un 54,5% se dan en castelán, un 24,3% a medias entre galego e castelán, e un 18,6% só en galego. “Cando son de aulas de teatro teñen máis asumido o noso idioma, pero sobre todo se dependen directamente do concello usan máis o galego e se dependen dunha empresa o castelán”. Nas deportivas, “a lingua propia é o castelán, é raro ver a un monitor de fútbol ou baloncesto falando en galego, eles din que se encargan de aspectos deportivos pero a lingua tamén é importante”.

Compartir el artículo

stats