La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Neira Vilas, Villaverde: a memoria que non cesa

Os dous escritores entran no Álbum de Galicia do CCG

Mariví Villaverde e Neira Vilas, na Illa de San Simón. | // MARÍA NÚÑEZ IGLESIAS

Xosé Neira Vilas e Mariví Villaverde adicaron as súas vidas a unha paixón. A búsqueda incensante da memoria galega, unha viaxe de ida e volta por anos escuros... tanto aquí como en América: os dous como escritores pero tamén como activistas. Agora entran no Álbum de Galicia, a colección dixital do Consello da Cultura Galega. O perfil de Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, Pontevedra, 1928-2015)corre a cargo de Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística. E de Mariví Villaverde Otero (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, 1922 - Ribadumia, Pontevedra, 2017) encárgase a autora Marga do Val.

Recalcan no Consello da Cultura que tanto Neira Vilas como Villarverde tiveron “unha longa traxectoria profesional e persoal en América , pero regresaron e implicáronse na vida social e cultural do país”. No caso do autor do libro máis traducido e lido do galego (Memorias dun neno labrego), naceu precisamente nunha familia campesiña “cunha infancia marcada pola precariedade económica e polos patróns sociais e culturais propios da comunidade rural galega de principios do século XX”.

Esos primeiros anos de Neira Vilas constituirán “a parte esencial da súa obra narrativa, coa que alcanzou unha popularidade inédita no sistema literario galego contemporáneo, grazas, en moi boa medida, á mestría coa que nela se evocan e recrean os códigos, as cosmovisións e mesmo as fallas do mundo do campo da época”, segundo Valentín García Gómez. En xaneiro de 1949, emigrou a Bos Aires. Participa na constitución das Mocedades Galeguistas en 1953, e colabora coas revistas Adiante e Opinión Gallega. Xa en 1956, colabora na organización do I Congreso da Emigración Galega. E un ano despois funda coa súa muller Anisia Miranda Fernández, o selo editorial Follas Novas para publicar en 1960 o seu primeiro libro Dende lonxe e en 1961 Memorias dun neno labrego. A popularidade deste clásico chegaría en 1968, cando Ediciós do Castro elaborou unha segunda edición con ilustracións de Isaac Díaz Pardo e prólogo de Xesús Alonso Montero (pronto esgotada).

A historia americana de Neira Vilas continúa por Cuba a onde se traslada en 1961. Alí desempeñou varios postos na administración, e ocupou a xefatura de redacción da revista infantil Zunzún en 1984 ademais de desenvolver investigacións sobre a emigración galega a partir do seu Castelao en Cuba (1983).Volvería á casa natal de Gres en 1992 para seguir escribindo ata o fin dos seus días.

Na memoria de Mariví Villaverde aparecen os seus pais Rosina Otero e Elpidio Villaverde, alcalde de Vilagarcía na II República e deputado por Pontevedra a través de Izquierda Republicana. Co golpe de Estado, a familia exiliouse a Francia e despois a Arxentina.Mariví Villaverde casaría co intelectual exiliado Ramón de Valenzuela, traballaría nunha fábrica de cintos e traduciría ao francés. Xa nos 60, volvería a España onde continou coa escritura. Das súas mans saiu a obra sobre o exilio Tres tiempos y la esperanza: publicada en Bos Aires en 1962 e reeditada en Galicia en 1987 (de novo con Edicións do Castro).

Compartir el artículo

stats