No 50 aniversario dos sucesos de 1972 en Ferrol, chega este venres ás salas de cine galegas a película documental 10 de Marzo. Dirixida por Roi Cagiao, recrea a masiva manifestación de traballadores do naval que rematou coa seguinte represión por parte do réxime franquista: os operarios Amador Rey e Daniel Niebla asasinados pola policía, ademais de numerosos feridos de bala, detidos e torturados. Coa produtora Arthur Gordon, rememórase “a data máis icónica do movemento obreiro galego” despois doutros traballos de investigación como o documental Vigo 1972.

De feito, a produtora aspira a “superar a acollida da exitosa Vigo 1972 coa que o novo filme compón un díptico sobre o ano no que Galicia se situou á vangarda da loita contra a ditadura”. Xa houbo preestrea en Ferrol e participación no festival Cineuropa de Santiago. De entrada, proxectarase desde este venres nos Dúplex Cinema (Ferrol), Cines Compostela (Santiago), Códex Cinema (Lugo) e Multicines Norte (Vigo). E agárdase que en breve poda chegar a outras cidades como A Coruña.

Para Roi Cagiao, “o tardofranquismo e a oposición á ditadura durante o mesmo segue a ser un territorio a explorar, e que explica en boa medida o que somos hoxe como sociedade”. A longametraxe dura 80 minutos, nos que narra o período de seis anos coa ascensión das organizacións antifranquistas en Galicia, a penetración de Comisións Obreiras e do Partido Comunista en Bazán, a negociación do convenio colectivo desta empresa, os feitos do 9 e o 10 de marzo do 72, e finalmente o Proceso dos 23.

Afirma o director que “estes feitos supuxeron un punto de inflexión na sociedade galega, un avance na toma de conciencia da mesma e da oposición á ditadura”. E engade que “o alto grao de heroísmo, violencia e traxedia contidos nos mesmos fainos moi atractivos cinematograficamente’’.

O proxecto conta con entrevistas aos protagonistas (Rafael Pillado, Fernando Miramontes antes de morrer, os tamén desaparecidos Ánxel Porto e Vicente Couce, Sari Alabau, Fina Varela...), desde militantes do PCE a outros obreiros, mulleres activistas e os lendarios curas roxos. Pero tamén os episodios ficciónanse en branco e negro, para nunca esquecer.