La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Unha terra prometida no Atlántico

Viaxamos nos barcos cos que preto dun millón de galegos emigraron a América, desde os explotados por Urbano Feijóo ata un Castelao chegado á Habana cando fuxía da morte

Saída de refuxiados cara a México, no buque 'Sinaia' en 1939 Consello da Cultura Galega / Arquivo da Emigración Galega

Baixo a liña do ceo máis famosa do mundo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao enviou a seguinte postal un 19 de abril de 1940 a amigos como Blanco Amor, Seoane ou Colmeiro. Na portada, un bucólico Woolworth Building lonxe dunha Europa en guerra. Detrás, a Estatua da Liberdade trazada por Castelao coas seguintes chiscadelas: o facho erguido como “ice cream cone”, a coroa onde se asoman os visitantes como “arma defensiva de puerco espín”. Instante feliz dun exiliado, do simbólico presidente de Galicia no desterro. Castelao como un máis dos 1,2 millóns de galegos emigrados entre finais do século XIX e os últimos estertores do franquismo: preto dun millón a América, a inmensa maioría en barco.

Postal enviada por Castelao desde EEUU, 1940. // CCG / XOSÉ BIEITO ABRAIRA

As primeiras migracións polo Atlántico partiron da miseria. Así aconteceu cos galegos escravizados por Urbano Feijóo, 1.744 enganados en oito expedicións ata Cuba entre o 10 de marzo e o 27 de agosto de 1854. A intención era que traballaran na industria da caña de azúcar. A realidade foi que acabaron abandonados en condicións inhumanas, moitos deles mortos.

Barco 'Josefa do Chao' na Habana Consello da Cultura Galega

Tamén o traballo chamou a centos de galegos para contruír o canle de Panamá, con saídas desde o porto de Vigo. Un documento do 6 de decembro de 1906, dentro do enorme arquivo do Consello da Cultura Galega, indica que o enxeñeiro principal John F. Stevens acaba de recibir 657 galegos e tiña outros 158 en ruta no Magdalena. Xa desde mediados do XIX, creouse un imperio do sector pesqueiro en Cuba comandado por galegos da ría de Ares. Ata fundaron a Compañía Cubana de Pesca y Navegación, S. A., unha das máis importantes na primeira metade do XX.

Chegada de Castelao á Habana, 1938. // CONSELLO DA CULTURA GALEGA

A diáspora para fuxir da morte chegou coa Guerra Civil. Centos e centos de galegos cruzaron o Atlántico sobre todo desde Francia. Quedarían para a historia os nomes de buques como o Ipanema, con intelectuais a bordo como Florencio Delgado Gurriarán, ou o Sinaia que chegou a México en xuño de 1939.

Recorda o Consello da Cultura Galega que Castelou visitou por primeira vez EEUU o 26 de xullo de 1938, coa súa muller Virxinia Pereira e galeguistas como Luís Soto, para recadar fondos para a República. Con esa campaña chegaría a Cuba en novembro, onde foi acompañado nunha comida por 3.000 emigrantes galegos. Non volvería a Galicia. E en 1940 escribiría esta postal desde Nova York, nun instante de felicidade pero tamén de tristura.

Navíos con destino a un México libre

Desde o primeiro momento, México alzouse como a terra prometida para os galegos ao cruzar o Atlántico: rematada a Guerra Civil e cando o fascismo continuaba invadindo Europa xa en forma da II Guerra Mundial. A liberdade estaba nese país para os republicanos, antes que en Estados Unidos. Xa nos primeiros meses de 1939, o presidente mexicano Lázaro Cárdenas del Río decidiu admitir a un número ilimitado de republicanos chegados de España (entre eles moitos galegos). Coa organización do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles e do Comité Técnico de Ayuda a los Refugiados Españoles, partiu o primeiro buque de Sète (Francia) o 23 de maio de 1939. O Sinaia chegaría a Veracruz 19 días despois. Todos eran liberados dos campos de concentración franceses (1.800 persoas). Outros navíos con refuxiados españoles serían o Ipanema (998 persoas e moitos galegos como Delgado Gurriarán), o Mexique, o Flandra, o Nyassa ou o Serpa Pinto II. Todos con destino a Veracruz.

Compartir el artículo

stats