La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Matriarcado de cinema sen fronteiras

O ciclo Mulleres, Patrimonio e Sociedade salta desde Galicia e o Norte de Portugal ata Brasil, con obras como a de Margarita Ledo e o transfondo da morte

Fotograma de 'Nación' de Margarita Ledo 'Nación'

Unha muller mira á cámara mentras lía un pitillo e declara: “Nunca traballedes gratis por favor, a la mierda!”. A partir desta imaxe nun vídeo dunha cooperativa de Pontevedra, naceu a inspiración de Margarita Ledo para a súa loadísima curta Nación. A historia das traballadoras da fábrica de louza Pontesa viaxa hoxe ata Salvador da Bahía, cidade brasileira visitada pola realizadora hai 30 anos. O ciclo de Cinema Galego-Portugués Mulleres, Patrimonio e Sociedade, impulsado pola investigadora Rebeca Blanco Rotea, deixa o Vello Continente para entrar noutro país lusofalante. E ademais de Nación, proxectará este martes as pezas audiovisuais Mâe Solo de Camila de Moraes e Irun Ori de Juh Almeida.

A directora Margarita Ledo nos Mestre Mateo. | // ARCAY / ROLLER AGENCIA

Na presentación da súa cuarta obra, Margarita Ledo falará desde Galicia de como encontrou a inspiración nesa muller da Pontesa que liaba tabaco e da súa viaxe para atopala nun mes de agosto: “Ela estaba na súa horta descascando pipas de xirasol porque os paxaros non tiñan que comer nas leiras, eu quería facer un film sobre os silencios que o patriarcado impuxo desde a noite dos tempos”. E as dúas mulleres coincidiron nunha mesma lembranza: a ocupación do navío Santa María como protesta contra as ditaduras de Franco e Salazar, que daría lugar á obra de Ledo Santa Liberdade.

‘Mâe Solo’ de Camila de Moraes. | // ‘MÂE SOLO’ 'Mâe Solo'

Conta Rebeca Blanco Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, que o ciclo naceu en 2018 “cando en Braga coincidimos varias mulleres interesadas en desenvolver un intercambio cultural sobre lingua, artes, identidade”. Apostaron pola conexión entre Galicia e Norte de Portugal, “dende unha perspectiva feminina e usando o audiovisual de modo transversal”. E formaron equipas de patrimonio/arqueoloxía, lingüística e audiovisual. “Eu traballo na zona do Alto Minho, na Raia, e unha compañeira no mesmo límite pero no lado galego... e decidimos centrarnos na fronteira”, di Blanco Rotea.

'Irun Ori', de Juh Almeida 'Irun Ori'

O ciclo xa estivo en outubro en Verín e o traslado a Brasil chegou como un xeito de “entrar en vindeiros anos noutros países lusofalantes como Cabo Verde”. Este ano fala de dor e morte, con mulleres pero tamén homes realizando pezas sobre o papel feminino na Santa Compaña ou nos cemiterios. Segundo Rebeca Blanco, “podemos presumir da riqueza do cinema galego e portugués, feito por mulleres con obras como A metamorfose dos paxaros de Catalina Vasconcelos e xente moi nova como Sabela Souto”.

Tres historias a través das décadas

A Pontesa pechou no ano 2001, pero as antigas traballadoras quixeron revisitar a vella fábrica a través de Nación. Segundo a realizadora Margarita Ledo, “elas entraron nas taquillas onde mudaban a roupa ou tiñan material clandestino agochado”. Na presentación de hoxe destacará que as constantes de Nación son “poesía, documento e reflexión histórica, que xa aparecían en Santa Liberdade”.

Neste ciclo do Consello da Cultura Galega, a investigadora Rebeca Blanco Rotea recalca “a importancia de traer cinema local que conecte coas realidades locais”. Bos exemplos son Mâe Solo, documental de Camila de Moraes ”sobre nais negras de Salvador da Bahía, con realidades separadas por 40 anos”. Na curta Irun Ori, “atopamos a historia de mulleres africanas na diáspora”. E como apunta Blaco Rotea, “Nación amosa a loita das traballadoras da Pontesa, nun cinema comprometido dende o punto de vista feminino e cunha Margarita Ledo que recibiu o premio de honra Fernando Rey dos Mestre Mateo”. A edición do ano pasado abordou a pandemia, e a vindeira falará da paisaxe.

Compartir el artículo

stats