Radio Océano, ‘pretty in punk’

‘Crowfunding’ para que o grupo coruñés saque adiante o disco ‘Un furioso silencio’, con festas como no Mardi Gras o 15 de decembro: “Somos os ‘walking dead’ do rock galego”

O grupo Radio Océano.   | // RADIO OCÉANO

O grupo Radio Océano. | // RADIO OCÉANO / patricia hermida

“Todos somos gilipollas de novos, salvo que entrenes e sexas aínda máis gilipollas de vello”. A actitude punk de Johnny Rotring pervive en Xosé Manuel Pereiro, nunha sorte de Dr. Jeckyll e Mr. Hyde. Porque ao igual que o seu frontman, Radio Océano amosa dúas caras da realidade: gamberrismo en Serás eterno: de la droga se sale, de Facebook no. Profundo lirismo en Revisando os danos, que cobra vida grazas aos versos do desaparecido poeta Lois Pereiro (irmán de Xosé Manuel). As dúas pezas forman parte do EP Un furioso silencio que o grupo coruñés de punk rock quere financiar en formato vinilo e descarga dixital, a través dun crowfunding. “Despois da experiencia de Miña terra galega (versión de Siniestro Total) tiñamos composicións que nos gustaban e ganas de romper a cabeza á xente, para promover o caos e a destrución”, din.

Portada do disco ‘Un furioso silencio’.   | // RADIO OCÉANO

Portada do disco ‘Un furioso silencio’. | // RADIO OCÉANO / patricia hermida

Atrás quedan 40 anos de son e furia desde a formación do grupo en 1982, aínda que cun longo periodo de descanso e xornalismo polo medio. De feito, o seu baixista Santi Romero (Rossmero) foi unha das cabezas deste diario: “Somos os walking dead do rock galego e pronto se revalorizará este disco coa nosa ausencia, pola nosa idade claro (risas)”. Os outros compoñentes son Renato 414 (Pablo Iglesias na guitarra) e Dani Punta na batería.

A Fundación Uxío Novoneyra interesouse polo crowfunding co obxectivo de lograr un mínimo de 6.000 euros. E tamén hai tres discográficas implicadas: Ferror Records, Ulomanía Coop. e Pafff Bum! Discos. Os fans poden comprar camisetas, posters da época firmados, discos e entradas. Ademais o 15 de decembro hai unha festa crowfunding no Mardi Gras da Coruña (presentada por Xurxo Souto, con Dani Punta de DJ) e o 22 un concerto na sala Kominsky de Vigo.

Asumen en Radio Océano que “non facemos cancións chicles”. A súa versión de Miña terra galega tivo 13.000 descargas en YouTube, “e a xente segue coreando as nosas primeiras letras... pero o noso non é ter un disco de platino”. Xa a canción Un furioso silencio berra sobre o Prestige, aínda que non apareza o nome do petroleiro: “Fala das ansias encalladas, os esforzos baldíos”.

Tamén se musica un poema de William Butler Yeats, Un aviador irlandés prevé a súa morte: “Onde un soldado na batalla só pode pensar na xente que quedou sachando no seu pobo de Irlanda”. Serás eterno ironiza sobre como “antes tiñas unhas letras escritas en vermello e agora nin lembras por que as defendías”. E quedan xoias aínda sen publicar na recámara como a seguinte letra: Antes erais igual de memos pero algo mejores, cuando os emborrachabais brindabais por perdedores... y ahora solo me cuentas si este o aquel fracasa y hasta lo que ganas.

“Nos concertos vimos que temos máis potencia que antes”

Recorda Santi Romero, ao baixo, que “o primeiro disco que sacamos con Radio 3 Nin falta que fai atópase xa desaparecido, e os dous posteriores con Subterfuge están totalmente esgotados porque eran edicións limitadas para coleccionistas”. Para o músico e xornalista resultou “curioso como na volta aos concertos comprobamos que temos máis potencia que antes, máis enerxía”. Por que se quedaron coas gañas? “Máis ben, es lo que tiene dejar la sustancias peligrosas” (risas).

O crowfunding foi impulsado pola Fundación Uxío Novoneyra. Segundo o seu secretario, Uxío Novoneyra (fillo do recordado poeta), “coa crise económica de 2008 comezamos a traballar para ver máis oportunidades de financiamento cultural... e eliximos o nome do fillo de Breogán que fundou Irlanda: Ith”. A plataforma Ith Crowfunding formouse en 2013 como novidade en Galicia. Xa Radio Océano foron contratados como cabeza de cartel no Festival dos Eidos, “onde me comentaron que querían sacar este disco por crowfunding e decidimos acompañalos no proxecto”. Ademais, Uxío Novoneyra fillo amosouse especialmente interesado polas letras “non só do grupo senón tamén de Lois Pereiro que era amigo do meu pai, e tamén as de Yeats”. A Fundación prestou así apoio a nivel tecnolóxico, promocional e na organización de futuros concertos.

Segundo Novoneyra, “non debemos esquecer cando os rockeiros e punkarras facían letras de poetas, eles son intelectuais que deben ser tidos en conta neste tipo de financiación cultural”.O proxecto pode verse en ithcrowdfunding.org/projects/radio-oceano.

Suscríbete para seguir leyendo