Entrevista | Médico de familia e portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública na Coruña

Ramón Veras: “As listas de espera no hospital son tremendas e isto sobrecarga a Atención Primaria”

“Urxe garantir estabilidade e facer prazas adecuadas e atractivas nos centros de saúde”

O doutor Ramón Veras é o portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública na Coruña.  | // VÍCTOR ECHAVE

O doutor Ramón Veras é o portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública na Coruña. | // VÍCTOR ECHAVE / VICTOR ECHAVE

Miles de persoas botáronse ás rúas en toda Galicia, este pasado mércores, para reclamar melloras na sanidade pública en xeral, e na Atención Primaria en particular, convocados por SOS Sanidade Pública. O portavoz desta plataforma na Coruña, o doutor Ramón Veras, médico no centro de saúde San Xosé, considera que a xornada reivindicativa foi “un éxito”, e celebra tamén o empuxón que supuxo na cidade coruñesa á recollida de firmas para levar ao Parlamento unha iniciativa lexislativa popular (ILP) de apoio á Primaria.

Cal é o seu balance da xornada reivindicativa deste pasado mércores, con movilizacións en defensa da sanidade pública espalladas por toda a xeografía galega?

A xornada foi moi exitosa. Houbo moita participación. Contando todas as plataformas das distintas localidades, pódese falar de varios miles de persoas. O movemento de SOS Sanidade Pública é moi variado (nuns sitios hai partidos políticos, noutros sindicatos, noutros nin unha cousa nin a outra...), pero todos os que formamos parte del temos un obxectivo común: a defensa da sanidade pública e a mellora dos servizos. E non se lle pide carné de ningún tipo a ninguén.

A concentración da Coruña, celebrada no Obelisco, estivo precedida dunha recollida de sinaturas para apoiar a ILP de mellora da Atención Primaria que queren levar ao Parlamento. Responderon os coruñeses?

Sen dúbida. Esa convocatoria foi un éxito tamén, aínda que non temos todavía o dato total das sinaturas recollidas ata agora. O que si podo dicir que notei na Coruña foi a transversalidade, porque foi a asinar xente de todas as idades, e coido que tamén de todas as cores políticas. E non era xente que pasaba por alí, senón persoas que viñan a propósito porque coñecían a convocatoria pola información dos medios de comunicación.

Que demandas concretas se recollen nesa ILP?

O que se pide é atención presencial ou telemática definida polo paciente. Certo é que isto agora xa o hai, pero houbo un tempo no que a atención presencial foi complicada. Tamén se demanda que a resposta para as citacións telefónicas sexa realizada por persoas, e non por un robot; adecuar os cadros de persoal ás necesidades da poboación; un límite de trinta consultas médicas por día; e garantir estabilidade e as condicións laborais adecuadas, atractivas para reter aos profesionais, porque o certo é que, cando se convocan prazas, quedan libres. Na última convocatoria, foron mil as que quedaron libres a nivel de España, e tamén houbo vacantes MIR (médico interno residente) de Medicina de Familia en Galicia. E da convocatoria que fixo a Xunta para facultativos especialistas en Atención Primaria por concurso de méritos, que teóricamente era para prazas de difícil cobertura, quedaron igualmente unhas cantas sen adxudicar. Nin con esas. Polo tanto, urxe facer as prazas atractivas, e non estamos a falar dun problema salarial, aínda que a todo o mundo lle gusta gañar máis diñeiro...

De que se trata entón?

Eu teño comigo na consulta residentes de cuarto ano de Medicina de Familia, e coñezo as sensacións e as ideas doutros, e estanse cuestionando traballar na Atención Primaria cando acaben, que e o que queren, por outra parte. Pero plantéxanse se lles compensa prolongar a súa xornada laboral ata as catro ou as cinco da tarde todos os días. E son os profesionais que se están formando para iso.

Piden máximos de trinta consultas por médico cada día. Como está actualmente a situación?

A situación non é a de hai un ano, cando nalgúns centros de saúde da Coruña chegáronse a superar as 60 consultas diarias, pero é fácil sobrepasar as 40. O que acontece é que non damos acabado coa lista de espera. Cando un compañeiro colle uns días, se non hai quen o sustitúa, bloquéase a súa axenda, pero os pacientes que ese día estean mal, acudirán igualmente como urxentes ao seu centro de saúde. Teñen que facelo, porque senón non reciben atención. E aí é onde está o maior problema. Cando, de repente, ás doce de mañá chéganche tres pacientes forzados, á unha outros tres... Así non hai xeito de sacar adiante a lista de espera.

Cal é o seu diagnóstico da Atención Primaria galega despois de dous anos e medio longos de pandemia de COVID?

Os profesionais da Atención Primaria xa fixemos tres folgas no 2019 por este motivo que acabo de comentar. Non era por outros. E tampouco había reivindicación salarial. Pedíase estabilización de prazas para o persoal eventual: eliminar a precariedade para a xente nova. Así mesmo, demandábase unha xerencia propia de Atención Primaria. De feito, eu persoalmente creo que o centro do problema está aí: en que converteuse a consulta de Medicina de Familia nun caixón de sastre onde vai parar todo o que non se sabe quen o atende, ou non se quere atender. Co cal, ao final énchese os centros de saúde de demandas organizativas ou burocráticas. Problemas de saúde si, pero ao final os pacientes van a Primaria porque é o único sitio onde poden ir, dado que en Urxencias esas cuestións tampouco llas van a resolver e non teñen un acceso directo ao hospital.

Que tipo de cuestións?

Por exemplo, supoñamos que un paciente vai ao neurólogo, este esqueceuse de poñerlle o antiepiléptico por se sufre epilepsia, e non ten forma de acceder de novo para que llo poña. Onde vai? Á consulta do médico de familia. E, como isto, mil cousas máis. Por iso creo que o gran problema é o acceso ao hospital e os protocolos que hai para ese acceso, porque cada vez é máis complicado derivar pacientes. As listas de espera no hospital son tremendas, e o que iso está facendo é sobrecargar, claramente, a Atención Primaria.

Suscríbete para seguir leyendo