Galicia, 1923: cen anos non son nada
O vindeiro 2023 achégase cunha lista de efemérides culturais na recámara, como o centenario da morte de Manuel Murguía ou o nacemento de Manuel Ferrol
Nun brindis eterno, chocan as copas de champán polas efemérides culturais do 2023. Co cáliz alzado vemos a Manuel Murguía, impulsor do Primeiro Rexurdimento e falecido na Coruña en 1923. Tamén descorcha botellas o fotógrafo por antonomasia da emigración galega, Manuel Ferrol que naceu nese mesmo ano en Cabo Vilán. E a celebración continúa na honra mesmo de edificios e películas: desde o extinto Atlantic Hotel ata unha película pioneira do cinema galego como Maruxa.
Na primeira festa asistimos en 1858 á voda entre Rosalía de Castro e Manuel Murguía: a matriarca das letras galegas e o adaíl da recuperación literaria-histórica do galeguismo (Rexurdimento). Novelista aos 17 anos, Cronista Oficial do país, primeiro presidente da Real Academia Galega... Murguía morreu en 1923 na Coruña, cidade que o agasallou profusamente no seu 80 cumpreanos.
Nese mesmo ano nacía Manuel Ferrol, que daría a volta ao mundo coa súa reportaxe fotográfica en 1957 sobre a emigración galega. No porto da Coruña, un home e o seu fillo choraban abrazados. A mesma serie incluía outras estampas eternas, como un sacerdote confesando a un pasaxeiro. Instalado na Coruña, con estudo en San Nicolás para vodas, bautizos e comunións; exercería como reporteiro para TVE ou Arriba.
Outra filla do 23, mentras en España os poetas se preparaban para a vangarda europea, foi Olga Gallego. Pioneira nos arquivos e na investigación, nos tempos da ditadura, presidiu a asociación de arquiveiros Anabad. A súa profesión era das poucas ás que podía acceder unha muller para obter independencia económica na época. Membro da Real Academia da Historia, tamén foi a segunda muller en entrar na RAG.
A esa xeración pertencen o arquitecto e pintor coruñés Antonio Tenreiro Brochón; ou o bardo vinculado a Vigo Carlos Oroza definido como Umbral como “el poeta maldito del Café Gijón”. Pero tamén edificios, películas ou institucións. O Seminario de Estudos Galegos nacía en 1923 en Ortuña (Ames) para ter unha existencia fugaz e fructífera de 13 anos ata a sangría da Guerra Civil. Cen anos cumpre o Atlantic Hotel, demolido en 1967 ante o océano da Coruña: para o recordo queda o deseño de Luciano Delage Villegas a xogo co Kiosco Alfonso e La Terraza. E de centenario andará en 2023 a película Maruxa, melodrama amoroso de Henry Vorins estreado en Vigo. Unha cidade que, por certo, tamén brindará polo século do Celta.
E unha adicatoria a Fernández del Riego
Xusto no 2023, a Real Academia Galega adicará o Día das Letras Galegas ao intelectual e activista antifranquista Francisco Fernández del Riego. A maiores cumpriranse 110 anos do seu nacemento, na mañá do 7 de xaneiro de 1913 na vila luguesa de Lourenzá: como maior dunha familia de once irmáns e “regalo de Reis adiado” como lle gustaba relatar. E tamén pasaron sesenta anos desde que se concederon as primeiras Letras Galegas: a Rosalía de Castro, e precisamente con Fernández del Riego como impulsor.
O Ano Francisco Fernández del Riego, como indica a RAG, iniciarase oficialmente o 7 de xaneiro cos primeiros actos na súa vila natal de Lourenzá.
Dentro de todas as festas do mañá, como cantarían na Velvet Underground, tamén hai cabida para publicacións desaparecidas como a vangardista Alfar nacida na Coruña en setembro de 1923.Só uns petiscos das celebracións culturais para o inminente ano.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los nuevos contratos de atención en el hogar superan ya los 23 euros por hora
- El jurado declara 'no culpable' a la mujer acusada de matar a su marido en Monfero
- El Supremo confirma la condena de 14 años de cárcel a 'El Chicle' por violar a cuñada cuando era menor
- Casi 300.000 gallegos no podrían comprar tabaco durante toda su vida si se aplicase el veto inglés
- Rumbo a Lorient, á final da Champions tradicional
- La ciencia desvela el nombre de niño más bonito del mundo: popularizado por un famoso cantante
- El acusado del crimen de Judith estuvo en prisión por matar a su pareja
- Cada estancia hospitalaria le cuesta 10.700 euros a Sanidade, un 22% más que en prepandemia