Kiosco La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Guionista de CTV

Lidia Fraga: “Despois da pandemia, o público ten máis pulsión polas series de evasión e terror”

“Traballo nun ‘thriller’ paranormal de adolescentes, o meu favorito era Buffy Cazavampiros”

A guionista Lidia Fraga. // CTV

Mortos, curuxas, pantasmas, bruxas, meigallos... A cultura galega sempre estivo atada á morte. Pero cada vez hai máis ganas de ficción sobrenatural, como amosan as series e películas máis vistas en plataformas, salas de cine e televisión convencional. Cunha longa traxectoria no audiovisual, a recoñecida guionista Lidia Fraga traballa agora coa produtora CTV nunha serie galega de adolescentes inmersos nun mundo paranormal. Preparen flocos de millo para unha apetitosa mistura de coming of age e certo medo. O círculo de Gaia quere levarnos ata máis alá da intriga.

Tras unha acreditada traxectoria no audiovisual con éxitos como Padre Casares, que supón reiniciarse en CTV?

Unha das boas cousas de traballar dende hai tanto tempo é a oportunidade de probar distintos métodos de escritura en sitios tan diferentes. Non hai unha única forma de facer as cousas, senón incentivos para aprender novos retos: como comezar nun sitio novo, algo bonito e moi ilusionante.

Con CTV traballa no proxecto O círculo de Gaia, thriller paranormal. O terror sempre atrae en tempos de crise?

O terror atrae sempre. Todos temos interese polo descoñecido, polo que nos asusta e dá medo. A serie O círculo de Gaia non será de terror puro, senón mais de intriga e tensión. Despois da pandemia, o público ten máis interese polas series de evasión e terror: quere pensar noutras cousas e non na vida cotiá. Porque as series teñen esa importante función de entretemento e evasión.

A serie dirixirase ao público xuvenil. Neste xénero sempre hai unha simbiose entre os adolescentes cheos de vida e a morte?

Todas estas historias diríxense ao público chamado young adult. A mensaxe é que aceptar a morte é un paso para acadar a madurez. Porque as historias de terror, misterio, o paranormal... están moi enraizadas con ese paso á madurez.

E nunha Galicia tan vinculada co Máis Alá.

Hai certos lugares, como Galicia, nos que o paranormal e o Máis Alá están moi enraizados na cultura. Nesta terra, todos coñecemos historias ou anécdotas nas que os galegos se relacionaron co paranormal. E por iso é súper interesante facer unha serie con esta temática de misterio.

Saben onde poderemos ver a serie e cando?

Estamos no proceso de desenvolvemento, un proceso moi longo que pode levar dende meses ata anos. Trátase dunha tarefa complicada pero esperamos que se conxuguen as estrelas. Agora hai que pensala ben, para que sexa interesante para un público xuvenil con moita cultura audiovisual.

Entón agora é o momento máis importante para o guionista.

Así é, estou no momento de pensar personaxes, tramas historias, ser moi creativos...

Entra nun xénero definido en EEUU como o coming of age (esa transición da adolescencia á madurez). Cales son os seus referentes audiovisuais?

Traballo agora neste thriller paranormal de adolescentes, pero o meu favorito (ou o que máis me influiu) foi Buffy, Cazavampiros: a loita contra os monstros dende un instituto americano. Teño 46 anos e sigo vendo as mesmas historias. E para min Mike Flanagan é un mestre do terror, gustoume moito The Midnight Club.

Vostede xa traballou o xénero do thriller como en Hierro, pero non o do medo.

Das boas cousas da profesión é que puiden traballar en thrillers moi diferentes: policíacos como Serramoura, xudiciais como Hierro, outros máis psicolóxicos. Agora hai máis gañas do paranormal. É difícil porque o espectador está cada vez máis resabiado, sabe os trucos. O espectador do thriller sabe máis que o guionista e non podes enganalo, tes que sorprenderte a ti mesma para despois sorprender ao público.

Foi guionista da famosísima Padre Casares. Considera, ao igual que os actores, que o xénero máis complicado é o da comedia?

Totalmente. O máis difícil como guionista é escribir unha comedia. Trátase dun xénero máis técnico, case matemático: o máis complicado de escribir e interpretar, debes controlar absolutamente todo. Un xénero moitas veces denostado, parece que a comedia é un xénero menor cando é o mais difícil de escribir. Pero cando funciona é marabilloso, non hai unha sensación mellor que a de facer rir á xente.

“O audiovisual é un sector complicado, onde é difícil entrar sobre todo se es muller”

O círculo de Gaia é un proxecto audiovisual que recibe axudas do programa Hub da Industria Creativa Galega, con Fondos Feder.

Trátase dunha gran iniciativa de Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). Intentamos desenvolver o proxecto con esas axudas. A serie é unha coprodución internacional da galega CTV (co produtor executivo Ghaleb Jaber Martínez), que contempla a colaboración con Comarex, distribuidora e produtora mexicana con gran peso no audiovisual latinoamericano.

Vostede traballou en 17 series emitidas por todo o mundo (Portugal, Brasil, Francia, Alemaña, Estados Unidos ou Rusia). Pero como recorda os seus inicios?

O audiovisual é un sector complicado, onde é difícil entrar sobre todo no guion e sobre todo se es muller (porque somos menos). Tiven moita sorte porque empecei a traballar axiña como realizadora, tras rematar Imaxe e Son na Coruña. Fun moitos anos realizadora pero sempre quería escribir. Insisto en que foi difícil entrar porque é un mundo complicado para os guionistas máis novos. Pero non podo queixarme porque tiven moita sorte.

Como ve o estado de saúde do audiovisual galego? A primeira vista parece cheo de premios, pero no fondo?

Por un lado, non somos conscientes do talento que hai no audiovisual de Galicia a nivel de técnicos, creativos, actores... é un talento incrible. Facemos moi ben as cousas neste sector, agora hai unha proxección importante dos produtos galegos fóra de Galicia. Pero por outra parte, preocúpame como guionista que houbese un retroceso nos produtos en lingua galega. Ese retroceso existe. Debemos coidar tanto a proxección fóra das nosas fronteiras como os produtos de calidade na nosa lingua. Porque o audiovisual galego pode ser un vehículo perfecto para promocionar tanto a nosa cultura como a nosa lingua.

“Con William Levy, fixen a vengativa ‘Montecristo”

O círculo de Gaia viaxa ata a centenaria Universidade de Gaia, onde cinco alumnos descobren un misterioso libro nun arquivo secreto da Facultade de Psicoloxía. Pero antes estrearase outro dos seus traballos: a serie Montecristo cunha das sensacións do momento que é o actor William Levy.

Trátase dun thriller inspirado no Conde de Montecristo, pero moi lonxanamente xa que está ambientado na actualidade. É un thriller de vinganza no que poderemos ver nun rexistro moi potente a William Levy, unha serie de Secuoya Estudios que se estreará en 2023 en ViX+: unha plataforma estadounidense con contidos en español, o servizo de streaming de pago en español máis grande do mundo. Veremos unha historia de vinganza con compoñentes románticos, e esperamos que guste moito.

Como guionista tamén anda enganchada ás plataformas?

Antes de guionista son espectadora, sempre me gustou ver series e películas. Estás un pouco obrigada a a ver as últimas tendencias, a andar moi pendente de ver todo... pero hai tanto para seleccionar! Intentas ir ao que teña máis ruido ou ao que prefiras. Pero hai unha oferta tremenda. Así tamén é máis difícil para un guionista destacar entre tanto, máis é bo que exista tanto traballo para o sector.

Como é o traballo dun guionista no seu día a día? Supoñemos que queda lonxe deses agobios que vemos nas películas sobre o vello Hollywood como Mank ou Barton Fink.

É un traballo moi solitario, porque escribes soa ante a pantalla de ordenador. Pero gústame moito porque permite lograr documentación sobre temáticas que descoñecía. Fixen un lote de cursos de criminoloxía para achegarme ao thriller. Ás veces podes ter agobio porque a gravación é un universo complicado, pero é un traballo tranquilo.

Compartir el artículo

stats