Un ensaio sobre a cuestión de xénero en ‘Mad Men’ vence no Premio Ramón Piñeiro

O gañador é o profesor de Xornalismo na Universidade de Santiago Xosé Antón Cascudo | Recibirá 3.000 euros e obterá a publicación da obra

Redacción

A obra A mística da feminidade en Mad Men, de Xosé Antón Cascudo, fíxose co XXII Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, organizado pola Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e a Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega.

O premio, dotado con 3.000 euros ofrece unha análise semiótica do audiovisual máis icónico, no que se estuda a cuestión de xénero integrando na revisión o mellor das análises e do pensamento sobre o tema.

O ensaio, que será publicado, como consecuencia do galardón, na Editorial Galaxia durante o vindeiro ano, achega unha proposta que conecta co máis destacado dos estudos internacionais neste ámbito, pois achega unha reflexión sobre a construción do socioidentitario a través dunha das series máis recoñecidas e influíntes do noso tempo, como é a ficción dramática Mad Men.

Os integrantes do xurado salientaron, así mesmo, a variedade e o interese do conxunto de traballos presentados a concurso, o que amosa a vitalidade do xénero ensaístico en Galicia e a solidez da traxectoria deste certame, polo que levan apostando desde hai máis de dúas décadas as institucións convocantes, a Editorial Galaxia e o Goberno galego, que botaron a andar o certame no ano 2000.

O autor do ensaio, Xosé Antón Cascudo (Guitiriz, 1976) é profesor de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. O agraciado co recoñecemento,a demais de ensaísta e docente, é ademais poeta. Entre as súas publicacións destaca Manual do misántropo, que viu a luz en 2007 da man de Espiral Maior. Cascudo tamén se desempeña profesionalmente no eido da dirección documental. Licenciado en Historia da Arte, é tamén doutor en Filosofía e un dos máis estimados estudosos galegos do eido audiovisual.